Shami, a voz do mar de Rosalía

Este sesquicentenario da publicación dos Cantares gallegos que transitamos vainos deixando alfaias miúdas que, axiña que pase a marusía da efeméride, ficarán no areal fulgurando perennes. Unha desas xemas faiscantes é o novo discolibro de Najla Shami, Na lingua que eu falo, memorable homenaxe musical a Rosalía de Castro desta inmellorable oferente, voz palestino-galega de veludo dondo e doce harmónico onde os haxa.

Shami rodéase do melloriño do noso panorama musical para coser a súa voz á da poeta do Sar, nun xogo creativo de vasos comunicantes no que os textos de hai século e medio cobran nova vida en arranxos suxestivos e ben compasados, unha eufonía evocadora, sinestésica, chea de recendos e fonosimbolismos case táctiles.

E é que Shami atrévese mesmo coa re-creación de selo propio e algúns dos temas do disco son do seu cuño, ben que inspirados en episodios vitais rosalianos (velaí, poño por caso, o impresionante “Quero ver o mar”, que recolle no seu título as palabras que se lle apoñen a Rosalía como derradeiras, pronunciadas xa na agonía do seu leito, solicitando á filla abrise a ventá do cuarto para dar cumprimento a un último desexo).

Os coros, o diálogo instrumental, os ritmos propostos (que tanto anainan no melódico como acompañan con luzadas de bossa nova), todo axuda a facer deste Na lingua que eu falo un contributo singular, que alcanza esa estraña alquimia de pentagramar o sentimento dunha Rosalía que na voz de Shami alenta máis ela que nunca, espellada e vivificada como poucas veces, ecoando eterna.

Ten esta edición, amais, unha outra virtude non menor: a materialidade bibliográfica coa que se adorna o cd de Shami, un volume deseñado con primor por Hayat Husein e salferido de fotos da cantante da autoría de Ainoa Calvo, quen soubo captar o ánimo esplendente deste oráculo musical que é Shami, milagre vocal que vibra no ar inefable dos soños e ledicias e tristuras e rebeldías de Rosalía.

Convén non deixar de ler o rotundo e poético limiar que Comba Campoy regala a Shami como adro á publicación, crónica dun sentir compartido, empático e cómplice no que a muller tribo fai oír o seu urro manancial.

Tampouco debe obviarse o moi oportuno epílogo escrito por Xurxo Nóvoa Martins, no que incide nesa fértil unión de vidas e texturas creadoras que vai e volve de Rosalía a Shami.

A publicación péchase cun “Relatorio” que asina a propia Shami e que, alén do gratulatorio adoito, é asemade unha crónica de vida e soños compartidos, mapa dos afectos no que escritores e músicos cento son presenzas sempre amigas.

Na lingua que eu falo é, tamén, a confirmación de que, hoxe por hoxe, a Editorial Galaxia é o selo que con máis e mellor fortuna fai converxer os mundos do musical e o literario, noivado que os máis sensibles e esixentes han saber apreciar e do que poden oírse mostras aquí.

[Publicado en Praza Pública, 22-8-2013]

           

Esta entrada foi publicada en Música e literatura galega e etiquetada , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.