Raíz e canto de Xulio López Valcárcel

Hai días nos que o carteiro ilumina a casa. Vén co seu fardelo agochando sorpresas, verbas voandeiras que un tiña xa medio esquecido. Este día chegou para lediciarnos con Raíz e canto, o volume do excelente poeta, narrador e crítico Xulio López Valcárcel no que reúne nove longos traballos sobre diversas figuras referenciais da historia da escrita en Galicia; a saber: Antón Avilés de Taramancos, Tomás Barros, Sofía Casanova, Lorenzo Varela, Fiz Vergara Vilariño, Francisco Añón, Rosalía de Castro, Anne Marie Morris e Luís Pimentel.

Tiven a honra de que o amigo López Valcárcel me convidase hai un tempo a pór unhas letras cabezaleiras a este seu valioso libro, publicado na Colección Soláster pola Sociedade de Cultura Valle-Inclán. A seguir, reproduzo un extracto dalgúns dos parágrafos nos que quixen facer xustiza a tan meritoria obra, que recomendo enfaticamente ler.

Somos un estraño animal. Tan singular que alentamos na memoria das vivencias atesouradas, mais tamén na fidel compaña das lecturas que nos habitan.

Así é para o común das xentes. Pero, se de quen se fala é dun escritor, por máis sinais poeta e crítico, esa singularísima Santa Compaña de libros penates convértese nunha procesión de espectros tutelares que camiña decote ao pé dun, bisbándolle aos sentidos mil e unha mensaxes fuxidías que só quen está adestrado logra percibir.

Xulio López Valcárcel é un deses médiums literarios. Un oídor dos máis lenes ventos interiores que atravesan as chairas da escrita, lector capaz de descifrar o enigma das esfinxes da palabra e dialogar con tan sutís instancias.

Dicía Émile Herzog que a lectura dun bo libro é unha conversa incesante, na que o libro fala e a ánima responde. A López Valcárcel fánselle presentes esas voces, abrigan os seus días e impéleno a camiñar con elas devagariño, escoitando as súas coitas, aloumiñándoas no seu pasar. Son a súa memoria lectora, tamén si, vivenciada nalgúns casos, así que non é de estrañar que sentise a necesidade de poñer por escrito esas conversas, ese ir e vir polo tapiz de vidas outras e as obras que as foron cosendo.

Da aprehensión desas xeiras de escrita e existir xorde Raíz e canto, un mapa de andainas entre liñas, de esculcas nas raiceiras máis fondas das que se nutre a canción dos que nestas páxinas comparecen.

En Raíz e canto. Nomes para unha crónica vital e literaria. I. Exiliados e desterrados. Rosalía e outras luces son evocadas as angueiras e a escrita de preto dunha decena de poetas, pois agás o caso da coruñesa Sofía Casanova —versificadora de primeira hora, mais novelista e ensaísta de madureza— o conxunto señoréano líricos e líricas de admirable lembranza.

A escolma de nomes é, xaora, perfectamente subxectiva e responde a tres razóns complementarias: algúns son analizados por teren cativado dende sempre o interese literario do autor (Rosalía, Avilés de Taramancos); a outros dáselles cabida por ter sido obxecto de estudo con anterioridade, recuperándose aquí artigos que foron revisados e ampliados para esta edición (Sofía Casanova, Lorenzo Varela, Tomás Barros); e, finalmente, hainos tamén que figuran por presentar evidentes afinidades afectivas con quen asina o libro (Fiz Vergara Vilariño).

Uns e outras ven nestas páxinas relatados os principais socalcos do seu periplo vital, ao tempo que se nos dá cumprida noticia das obras que os inmortalizaron. Sabemos así, da vida viaxeira e chea de reveses do precursor por excelencia, o outense Francisco Añón; o xenio aventureiro e arroutado dese portento noiés que foi Antón Avilés de Taramancos; o activismo culturalista americano e a señardade da Terra aos que viviu entregado Lorenzo Varela; o combate desigual que as palabras e o seu corpo libraron en Fiz Vergara Vilariño; a especialísima irradiación coa que Rosalía magnetizou os lectores de todo tempo; a devoción alofónica e rosaliófila de Anne Marie Morris; a elegancia que poboa os versos cargados de solpores do moi lucense Luís Pimentel; as incribles e trepidantes ocupacións da polifacética Sofía Casanova; en fin, tamén o pulo incansable do poeta, dramaturgo e pintor humanista Tomás Barros.

Todos estes asedios biobibliográficos teñen, amais, a moi grata virtude de desenvolverse alleos ao soporífero academicista. Porque se pode analizar con rigor extremo e asemade deleitar cunha prosa estética e de calidade. E a proba máis palpable de que isto é así son estas planas, onde se conxuga con mestría a narrativa biográfica e o ensaísmo literario, nunha luminosa aliaxe que revela unha impecable vontade de estilo, un selo persoal marca da casa: o que só un poeta-crítico como López Valcárcel é quen de ofrecer.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.