Domingo García-Sabell, fenomenólogo

Algo non debe acabar de funcionar como debe cando certos libros de valor non reciben a atención que merecen. Haberá quen me responda —non sen razón— que a culpa a ten a redución drástica dos espazos reservados á cultura e a literatura nos mass media tradicionais. Mesmo poderá retrucárseme que determinados títulos son, por diversas causas (por exemplo, seren libros institucionais ou publicados por selos pequenos e/ou alternativos con medios limitados), mal distribuídos, e tamén terán da súa parte a razón os que tal sosteñan. E, secasí, sigo a pensar que é preocupante a desatención que padecen obras de relevo concretas.

Vinme movido a estas reflexións tras a lectura do moi rigoroso e lúcido Domingo García-Sabell e a Fenomenoloxía, longo ensaio asinado por Ramón López Vázquez, dende hai tempo unha das nosas máis brillantes mentes filosóficas.

É verdade que a figura de García-Sabell deixou tras de si un ronsel polémico e algúns ánimos rancorosos non perdoan este feito. Agora ben, alén da estimanza ou desafección que poida provocar en nós o personaxe, a súa valoración como intelectual e o calibrado das súas achegas no eido do pensamento en xeral e da Filosofía en particular deberían xulgarse sen contaminacións nin ruídos.

Nese sentido, unha monografía como a que ofrece López Vázquez —case catrocentas páxinas de demorada análise— coido que se debroca sobre o tecido teórico e conceptual do filósofo santiagués con innegable capacidade de revelación. En Domingo García-Sabell e a Fenomenoloxía non só se traza unha completa biografía do persoeiro, senón que tamén se proporciona unha exhaustiva relación bibliográfica da produción deste, tan ampla que inclúe, amais de todos os seus libros, os artigos en volumes colectivos, prólogos e demais, colaboracións xornalísticas de ben difícil localización hemerográfica.

Mais a cerna do estudo constitúea, xaora, a análise da súa escrita e pensamento. López Vázquez fai, así, repaso da visión transcendente do real que tiña García-Sabell, da asunción do modelo fenomenolóxico como ferramenta para aprehender, do valor que ao intuitivo daba e mesmo da incardinación social e europeísta deste pensamento, antropoloxicamente no rastro de teóricos como Max Scheler ou Helmut Plessner e sempre pendente do artístico e a dimensión mistérica como permeables limes circundantes.

Particularmente, a contribución que máis estimo neste proveitoso volume de López Vázquez concrétase no bloque que titula “Mapa iconográfico cultural de Galicia: xentes, autores e obras”, onde vai debullando a aplicación do marco teórico fenomenolóxico de García-Sabell a espazos que teñen que ver coa nosa identidade como sociedade e territorio, á nosa Arte e mesmo á nosa Ética. Especial atractivo teñen os capítulos nos que se visitan os escritos de Luís Seoane, Ramón Otero Pedrayo, Rosalía ou Castelao, mesmo tamén Manuel Antonio ou Valle-Inclán. Están aquí, probablemente, algúns dos parágrafos máis fondos da obra, con consideracións que moito axudan a mellor comprender o interese dos ensaios de García-Sabell verbo de tan sobranceiras voces.

Domingo García-Sabell e a Fenomenoloxía, publicado polo Centro Ramón Piñeiro, é un libro que fai xustiza ao labor dun intelectual de relevo que, préstenos ou non, marcou unha época do noso pasado e sen o concurso do cal non pode hoxe establecerse o retrato completo dun tempo e unhas circunstancias. É mérito de Ramón López Vázquez facérnolo evidente do xeito máis documentado e, porén, tamén da maneira máis accesible entre as posibles. Só por iso e por ocuparse a obra dun ensaísta de importancia non quixen menos que dar razón aquí deste título, co desexo de que libro tan circio e celmoso vaia mellor visibilizándose.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 22-9-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.