A espiral poética de Xavier Seoane

Aínda quente do forno, coma quen di, rematei de ler Espiral de sombras, o poemario de Xavier Seoane editado por Kalandraka na renovada colección Tambo que con tanto ben dirixe o tamén poeta e narrador Luís Rei Núñez.

Cento e medio de páxinas e máis dunha setentena de textos repartidos en tres grandes seccións compoñen este libro torrencial, inzado de alusións metaliterarias, históricas e culturais, un volume sobre o que paira a derrota, a ruína e o fracaso da disolución dun pobo, o noso, que se deixou esmorecer e asoballar ao longo de centurias e hoxe mal boquexa polo alento da supervivencia.

Seoane engavela versos sapienciais e oraculares, poesía do definitorio e de especular druídico, crítica do social e exaltación do enxebre na defensa da lingua para orlar un retablo de retórica labrada, canto lúdico e sarcasmo da deconstrución, estelado de interrogacións retóricas a eito e toda sorte de figuras comunicacionais: exclamacións, suxeicións, licenzas, apóstrofes, optacións, obsecratios, imprecacións, execracións e conminacións. Unha poesía de pecha simbólica, mesmo de cabalística numérica (velaí o omnipresente emprego da máxica cifra do sete), na que as estruturas paralelísticas o cruzan todo, por veces incluso á maneira medieval, retrousos incluídos. Unha estética que se retroalimenta da nosa literatura de tradición popular (os maios, as lendas da raíña Lupa, de Ana Manana, a flor da auga e de cento e unha), na que o cantigueiro galegoportugués ten papel protagónico (aquí os están convocados Pero Meogo e Xoan Zorro e Mendiño e Martin Codax) e onde se cita en homenaxe e preciso lembradoiro dende o Ferrín máis da estirpe ata o Curros máis combativo, igual o Aquilino do astro longo que o Cabanillas agrarista, o Manuel Antonio mariño, o Otero do estarrecer de lobios, o Castelao totémico, o Díaz Castro do cáliz fervendo e a uva mol ou o Blanco Amor de Cibráns e Bocas, o cadáver malfadado de Aguirre, o romanticismo de Añón ou o urro de guerra de Faraldo, entre outros.

Hai en Espiral de sombras unha conexión céltica que asolaga os poemas de fiannas, de Medulios e Fintans, de dolmens, runas, e Ossians, mais tamén de emblemas medievais como o Mestre Mateo, Roi Xordo, Prisciliano ou María Balteira, unha singular Santa Compaña de próceres de aquén e de alén na que tamén teñen lugar os represaliados do 36 (Camilo Díaz, Casal, Bóveda ou os anónimos do Campo das Ratas), John Moore e os heroicos do seu tempo ou, en fin, a sabedoría ilustrada de Sarmiento e a destrución da nosa Ur.

A poesía de Xavier Seoane en Espiral de sombras é un xogo de excesos, un inmenso avespeiro referencial, calidoscopio de alusións cultas que se multiplican exponenciais para facer destas páxinas un territorio lamacento para exploradores incautos e pouco coñecedores tanto da escrita do autor coma de toda a impedimenta de saberes coa que tece os seus versos. Unha illa verbal na que habitan a “raíz da destrución”, “as contas da derrota” e as “fogazas de esperanza”, onde “todo cáliz” cospe o seu lume uncional, onde asistimos á coroación dunha “Heera para unha maia longa”, mais tamén á devastación de “Ur”, aos cánticos “Para unha estirpe morta”, aos laios fúnebres na “Ara selenis”, certos nos “Eidos de sombra”, soldados “Dunha escura milicia”, desesperados “Dunha ara salvaxe”.

Velaquí, pois, un novo título co que Tambo prosegue o seu firme andar. Ogallá esta poética rexa e escura teña tanta aceptación como tiveron outros textos da mesma colección, sería sinal de que a Espiral de sombras de Xavier Seoane entra na luz da comunidade de cómplices lector@s.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 29-9-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a A espiral poética de Xavier Seoane

  1. Carlos di:

    Dentro desta magnífica reseña, abráiame ese punto derrotista referido ao noso pobo, ‘que malboquexa pola supervivenceia’.
    Creo no futuro, e en que utilicemos as nosas capacidades en prol da nosa trama identitaria.
    Parabéns polo comentario en xeral, do que, para min, suprimo esa liña.

    • Amigo Carlos: antes nada, desculpa a tardanza en contestar e moitas grazas polas túas xenerosas palabras para a crítica. Canto á secuencia que non che presta, nela unicamente tento recoller a opinión sobre o tema que se desprende dos versos do autor, o que non quere dicir que coincida exactamente coa miña. Apertas cordiais e moitas grazas polo teu comentario!

Os comentarios están pechados.