Roxar das neves de Chelo Suárez

A neve e o lume, da escritora coruñesa Chelo Suárez, é un belido conto fantástico ateigado de simbolismo e poesía. Velaquí a proposta: un castelo encantado, gobernado por seres fantasmais, espectros despóticos do Alén que negan a liberdade ás xentes do Aquén e unha rebelde, a filla duns serventes humildes, que se arrepón contra tal escravitude.

O resto forma parte das convencións do xénero: desvelamento dos arcanos, maduración da protagonista nos ritos de paso, descubrimento do mundo e dos sentires na súa aventura, caída e renacer.

Narrado cunha linguaxe fortemente tinguida de lirismo, inzada de alegorías e metáforas e guiada polos versos de Alejandra Pizarnik, A neve e o lume é un relato neogótico con trazas de poema en prosa, un exercicio de estilo de laimo agridoce e pegada marabillosa co que Chelo Suárez se achega aos eidos da escrita xuvenil, un volume publicado por Baía Edicións na súa coñecida colección Meiga Moira, ilustrado por Calros Silvar e magnificamente prologado por Marica Campo, quen dispón como adro á narración un moi suxestivo ensaio.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.