A escrita salvaxe de Raúl Dans

Nos últimos tempos cada vez é máis complicado ler teatro en Galicia. Os títulos son escasos, escasísimos, e a súa distribución e visibilización a todas luces insuficiente. Por iso amilagra ver que, malia todo, a calidade daqueles contados textos que logran ver a luz non só non decrece, senón que mesmo vai en aumento.

Un deses autores que vai tendo a fortuna de manter unha liña de certa continuidade co seu público é o coruñés Raúl Dans, quen título tras título demostra por que somos cada vez máis os que o contamos entre esa ducia de voces do teatro actual que anda a se converter nunha das máis brillantes xeracións dramáticas de toda a nosa historia literaria.

Mais, insisto, a atención e coñecemento do que gozan os nosos teatreiros é ben limitado. Se cadra por iso aínda non se valorou o suficiente un texto como Unha corrente salvaxe, gañador do XXXVII Premi Born de Teatre, un dos máis prestixiosos galardóns do Estado que ten xa na súa longa nómina de distinguidos moitos dos nomes claves da escena teatral peninsular das últimas décadas.

Unha corrente salvaxe ten recendos da mellor traxedia clásica coctelizados coa máis moderna e suxestiva dramaturxia. A potencia brutal do conflito que en todo momento paira sobre das pregas da acción fai desta obra unha auténtica bomba de reloxería, onde un avanza na lectura consciente de que a treboada que páxina tras páxina se foi fraguando ao final ha de acabar por desatar un temporal devastador.

Hai tamén moito teatro dentro do teatro neste texto, incluso camiñares en paralelo con coñecidos títulos narrativos e cinematográficos, pero, sobre todo, agradécese en Dans a súa portentosa capacidade para a tensión diexética e unha modulación verbal que sempre agocha moito máis do que aparentemente propón.

O debuxo dos personaxes, a simbiose necesaria coa súa difícil circunstancia explica o seu proceder, o xeito no que afrontan complexos, anagnórises e desvelamentos que, segundo vai progresando a trama, se van facendo a cada volta máis sorprendentes.

Cunha asombrosa economía de recursos (tan só cinco personaxes, apenas un par de localizacións, case toda a peza concentrada nos sucesos dunhas horas) Dans consegue transmitir toda a anguria e infelicidade dunha nai que mal se entende coa súa filla adolescente, que está comprometida cun bo home ao que non ama, pois nunca conseguiu esquecer o seu amor primeiro e verdadeiro: o pai da súa pequena.

A aparición en escena deste último logo de moitos anos ausente e a procura dun singular rosebud de forte simbolismo fan estourar a polvoreira de sentimentos e lembranzas que latexa acazapada baixo os personaxes, ata deixalos indefensos diante a loucura violenta que remata por devoralos.

O lector (oxalá pronto espectador) acabará por asistir a esta mascletá tráxica seguramente enviso na súa perplexidade, empurrado á catarse final que ten de resultarlle dunha intensidade climática cegadora.

Non abrigo ningún xénero de dúbida: Unha corrente salvaxe de Raúl Dans é un dos máis atractivos títulos teatrais dos publicados nos últimos meses, todo un pracer lector do que non convén privarse.

 [Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 13-10-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Teatro galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.