Valente: entrando en materia

Esta semana que hoxe remata recibín un envío de correo contendo unha obra que había tempo agardaba, pois o autor sobre a que versa sempre me interesou vivamente. Trátase do volume colectivo José Ángel Valente. Memoria sonora, un traballo coordinado de xeito impecable por Raquel Rivera Fernández que recolle as actas das intervencións que tiveron lugar entre o 23 e o 25 de setembro do 2009 (coincidindo co que tería sido o oitenta aniversario do escritor) no Teatro Principal de Ourense baixo a dirección organizativa de Olga Mojón Costela e o patrocinio da Deputación Provincial.

En José Ángel Valente. Memoria sonora o lectorado fiel do incomparable poeta ourensán poderá atopar contribucións de gran calidade literaria e científica dalgúns dos mellores especialistas peninsulares no autor. Así, Claudio Rodríguez Fer (profesor da USC e Director da Cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente), quen se ocupou do “Valente sonoro: das cantigas de Ourense á música de vangarda”; o profesor da Universidade de Salamanca e crítico literario Luis García Jambrina, quen falou de “El canto del pájaro solitario: la poesía de José Ángel Valente”; a tradutora e ensaísta María Lopo, que profundou na relación entre “Valente e Lautréamont”; o investigador Manuel Fernández Rodríguez, quen escribiu unha tese sobre o poeta e se centrou aquí en “A infinita raíz cantable do tempo transparente. As culturas primordiais en Valente” e aínda outros traballos de Marifé Santiago Bolaños (URJC), Carmen González Marín (UC3M), David Conte Imbert (UC3M), David Hernández de la Fuente (UNED) e Ernesto Estrella (Yale University).

O volume péchase co interludio musical que sobre textos de Valente creou o artista Mauricio Sotelo e mais os poemas que recitaron en homenaxe ao escritor Carmen Blanco, Ernesto Pérez Zúñiga, Marifé Santiago Bolaños, Claudio Rodríguez Fer, coa clausura oficial de Antonio Gamoneda.

Xunto a todos estes destacados nomes do eido valentiano, tiven o gusto de poder sumar a miña devoción ás súas escribindo sobre “José Ángel Valente e a crítica literaria”, unha faceta do autor que ninguén tratara monograficamente ata o de agora e que me resultou decote de especial interese, pois entendo que a teoría e praxe que Valente desenvolveu neste territorio son paradigmáticas e moito merecían unha demorada análise.

No artigo paso revista á visión do escritor sobre a “Orixe e status da Crítica”, a súa “Función”, a “Natureza e problemática” desta, a “Formación” que precisa e mesmo o “Método” do que se serve.

Quen guste de Valente, non debería descoidar facerse cun exemplar desta colectánea editada pola Deputación de Ourense. Descubrirá pola súa man moitos tesouros ocultos da súa escrita que cumpría revelar.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua castelá, Poesía galega e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.