Festival dos sentidos

Sabía da actividade poética de Alfonso Láuzara Martínez (Teis, Vigo, 1971) polas intensas xeiras do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, grupo de creación hoxe constituído tamén en selo editor, que botou a andar hai tempo Q de Vian Cadernos, plataforma baixo a que se publica Noite-Día, primeiro libro individual deste avogado e escritor atlántico.

Noite-Día é un poemario erótico no que se recolle unha trintena de composicións todas elas tituladas cunha única palabra. Declárase, por tanto, a concreción fuxidía do instante dende o propio rótulo, como se cada un dos poemas non fose senón unha intensa secuencia cinematográfica no conxunto maior dun filme versoerótico que vai deluvando instantes e encontros gozosos.

Hai en Láuzara unha imaxinería versal que o emparenta con outr@s poetas eróticos nosos das últimas décadas, de Xosé Luís Méndez Ferrín a Elvira Riveiro Tobío, pasando por Claudio Rodríguez Fer ou Olga Novo, por citar só algúns nomes evidentes.

Este fluír sensual de fusións e efluvios que Noite-Día configura técese nunha viaxe circular e cíclica anunciada polo propio título. Logo, as estacións e as instantáneas son as adoitas neste tipo de escrita: os sabores, olfactos e lambedelas que convidan, os espazos ignotos que cómpre ofrendar e/ ou descubrir, o lóstrego electrizante que afasta os xeos, o motín do sangue rebordante, as resacas de amencida tras as noites luxuriosas, a batalla de sabas e o renxer dos corpos, a éxtase cósmica que anula o tempo na amálgama dos corpos, as posturas en homenaxe, o labareo da pel e os orificios, a suxestión das roupas que caen, o tránsito ao esvaecemento orgásmico, os ouveos de amor en plenilunio, as xeografías da derme, a amatoria na beiramar, o inferno de lumes apaixonados e delicuescentes, a anulación do par na conversión do un, as receitas garatuxeiras, o espertar dos amantes, a ebriedade dos licores e as músicas que transportan e mesmo a complicidade dos elementos da natureza (auga, vento, pedra e demais) na liturxia dos que exploran os seus sexos.

O libro de Láuzara Martínez vai prologado por unha súa correlixionaria poética ben coñecida, a escritora Rosa Enríquez, quen non sen razón apunta filiacións e paralelismos entre as poéticas de Baudelaire e o de Teis, ao tempo que traza un roteiro de lectura por estes versos inzados de metáforas candentes e excitantes retóricas.

Agradecida proposta esta de Alfonso Láuzara Martínez, nunha edición de A Porta Verde do Sétimo Andar que conta cunha colorista e alegórica cuberta da artista portuguesa Elisabete Pires Monteiro ‘Bebeth’, responsable tamén das evocadoras ilustracións das que se acompañan os poemas deste Noite-Día, obra primeira dun autor que aposta, decididamente, polo festival dos sentidos.

[Publicado no Galicia Confidencial, 4-10-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.