Contra a barbarie

O escritor ruso Aleksandr Solzhenitsyn (1918-2008) mereceu en vida os maiores preces que poidan agardarse. O seu labor tivo o recoñecemento do Premio Nobel en 1970 e, aínda que nesa decisión deberon pesar tamén cuestións extraliterarias, non pode discutirse que a xeneralidade dos que alcanzan tal distinción son, con certeza, bos escritores.

Solzhenitsyn deixou ao mundo media ducia de textos que o inmortalizarán. Velaí o memorable Arquipélago Gulag ou Pavillón do cancro, pero antes deles fora xa un outro texto sobre o que hoxe quero determe e no que está contido todo o universo narrativo ao que volveu, unha vez tras outra, o escritor de Kislovodsk: refírome a Un día na vida de Iván Denísovich (en orixinal transliterado Odín den Ivana Denísovicha), obra rematada en novembro de 1962 que veu luz por vez primeira da man do poeta Aleksandr Tvardovski na entón máis prestixiosa revista literaria rusa Novy Mir (Novo Mundo).

Un día na vida de Iván Denísovich é fiel ao seu título: narra as vivencias dun preso, Iván Denísovich Shúkhov, ao longo dunha xornada nun campo de concentración da estepa siberiana, a onde fora deportado por ter sido acusado de traizón ao sobrevivir na guerra ruso-alemá e pensarse que desertara. O seguimento da rutina vital deste humilde albanel condenado a dez anos de presidio, a descrición das penurias que naquel inferno todos sufrían, fai deste libro un documento estarrecedor dunha realidade que cómpre non esquecer para evitar repetila.

Poida que o estilo de Solzhenitsyn non sexa o máis fulgurante dos posibles, mesmo que o monotematismo das súas páxinas se faga por veces reiterativo, pero do que non cabe dúbida é de que hai nel unha autenticidade e unha capacidade para a condensación expresiva e a efectividade comunicante que o converten no sólido narrador que todos recoñecen.

As experiencias que el mesmo sufrira no campo especial da cidade de Ekibastuz (Kazakhstán) en 1950 así como as múltiples testemuñas de compañeiros de presidio foron a base para este relato que comezou a escribir por volta de 1959, meses máis tarde de principiar o seu Arquipélago Gulag, que seica comezara a tomar forma en 1958, pero que non rematou ata moito despois.

Un día na vida de Iván Denísovich reportoulle gran popularidade no seu país, pero a realidade que describía facíase intolerable ao réxime stalinista, o que provocou que a novela se prohibise e acabase circulando en copias clandestinas.

Por sorte para nós, hoxe esta impresionante narración pode lerse en galego grazas ao esforzo do tradutor Martin Andor e a decisión do editor Moisés Barcia, quen non dubidou en incorporar este valioso título á colección Clásica de Rinoceronte Editora, todo un acerto que nos permite achegarnos a unha historia e uns feitos verdadeiramente intensos, espello cruel das vilezas que o Poder é quen de exercer sobre os individuos, mais tamén canto esperanzado da capacidade do ser humano por resgardar os valores máis nobres, aínda padecendo as máis feras condicións.

Solzhenitsyn deixou dito que a xustiza é conciencia, non unha conciencia persoal, claro está, senón a conciencia da Humanidade e que os que recoñecen nidiamente a voz da súa propia conciencia han de ser quen de renderse tamén ao clamor da xustiza. Oxalá o escritor ruso teña razón e as arañeiras do Poder esmagador non acaben con todo. El deixounos fiel testemuño do que este, levado ao extremo, é quen de chegar a facer. Convén pararse a pensar.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 3-11-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Tradución e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.