Marín e Tizón, verboicónicos

Se lles digo que é ferrolán do 43, que ve o mundo dende os pés e responde con humor a todo canto caos nos rodea, seguro que non caen. Pero se lles conto, ademais, que é o pai de Gaspariño e Isolino, que o seu primeiro libro o coasinou nada menos que con Reimundo Patiño no emblemático selo Brais Pinto e que dirixiu o único Museo do Humor que existe en Europa, probablemente lles vaia soando algo máis. E se aínda engado que os seus cadriños e tiras cómicas apareceron nas revistas e xornais máis importantes de Galicia e España dos últimos corenta anos (La Codorniz, Hermano Lobo, Diario 16, Teima, A Nosa Terra, El Ideal Gallego etc.) seguro que xa se van facendo idea de que lles falo de Xaquín Marín, do mestre Xaquín Marín.

Xaquín Marín & Gabriel TizónE se agora lles falo doutro ferrolán do 73 que leva dende os dezaseis anos coa maxia do revelado no cor e a pupila en disparador, se lles digo que puxo imaxes ás páxinas de El Correo Gallego e o seu irmán de noso O Correo Galego durante varios anos, que logo andou por algún outro xornal coruñés e mil e unha revistas e axencias de noticias nacionais e internacionais (EFE, Grupo Recoletos, Grupo La Capital, El País, El Mundo, The Guardian, Le Monde, New York Times e outros), han deducir que se trata dun fotógrafo de altura, pois non en van a súa obra foi exposta en galerías de moi diferentes lugares de todo o mundo, recibindo premios galegos, estatais e internacionais que confirman a Gabriel Tizón como un dos nosos máis valiosos cazadores de instantáneas.

Agora imaxinen vostedes a ambos unidos na confección dun libro. Marín poñendo a arte dos seus lapis para pintar a vida e Tizón deitando a súa orixinal ollada en derredor. Pensen como resultaría un diálogo entre ambos artistas a partir da palabra. Mellor aínda, das palabras, dun feixe de Palabras, con maiúscula: Amor, Capitalismo, Cultura, Emigración, Guerra e Paz, Humor, Idea, Igualdade, Liberdade, Misterio, Relixión, Saúde, Terra, Traballo, Xustiza. Tenten visualizar unha dobre páxina cunha ilustración de Marín á esquerda e unha foto de Tizón á dereita centrada tematicamente en cada un destes microuniversos verbais. Figúrense o ferrete humorado, irónico, retranqueiro de Marín, a plasticidade descarnada, punxente, sensible de Tizón, a feraz retroalimentación que dese venturoso casoiro se desprende: imaxes que reinterpretan os mundos e as vidas dende a necesidade de endemizar as luces e devastar as sombras, de abrir as nosas mentes ao progreso, á positividade, ao vital e arredarnos do noxo das vilanías, as inxustizas, as iniquidades.

Fagan un último esforzo: supoñan que esa obra de miradas transversais e epifánicas de Marín e Tizón toma corpo e o fai cos oficios e saber dun selo relativamente novo, pero de sobras competente, Bululú. E procuren soñalo editado con primor de capas duras, con contracubertas nas que Tizón fotografa a Marín e este retrata ao primeiro. E logo non se priven, engádanlle un prólogo de excelencia, doutro grande da palabra, da imaxe, da arte: Quico Cadaval.

Ese libro existe. O milagre verboicónico leva por título Palabras e agarda nas librerías de Galicia por vostedes. ¿Han deixalo pasar?

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-11-2013]

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Crítica literaria e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.