Aedos modernos

Un pobo que non canta e conta a súa vida é un pobo morto. A necesidade de dicir fermosamente o mundo a través da oralidade é a razón de ser da nacenza do relato comunal. E nós somos unha vella estirpe que leva contando na lingua de noso máis de mil anos, de aí que os artífices da verba que se deita en público auditorio sexan apreciados como unha sorte de aedos modernos que avivan as lapas da tradición.

Conscientes da importancia de manter vivo ese patrimonio inmaterial que nos identifica, dende a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG levan tempo promovendo uns máis que valiosos Obradoiros de Narración Oral. Por eles teñen pasado nos últimos anos decenas de asistentes, decote desexos@s de mellorar as súas técnicas comunicadoras para ben transmitir vizosos mundos interiores e realidades circundantes.

O epicentro desta reunión de druídas da palabra en tempos dixitais é Lugo. Dende a vella Lucus Augusti abren a súa escola de contar ben e seguido xentes como Antonio Reigosa ou Isidro Novo, que se axudan para as súas xeiras doutros destacados contadores como Celso Fernández Sanmartín ou Avelino González, mestres na álxebra do sucedido e a memoralia do lendario. Todos eles transmiten, xenerosos, as destrezas da lectura en voz alta, a improvisación, os recursos da linguaxe non verbal e outros saberes que conciencian da importancia da oralidade como soporte da cultura tradicional e non só, que insisten na posible maridaxe entre novas tecnoloxías e os contares de sempre e, sobre todo, que confirman o venturoso casoiro entre a memoria de vida e a palabra con memoria.

Cómpre moito parabenizar e, tamén si, recomendar ás interesadas e interesados esta Escola de Narración Oral que no momento no que escribo estas liñas está xa a desenvolver a súa segunda xornada en Lugo, con moi interesantes sesións de obradoiro verbal que se estenderán ata mediados de decembro no Centro Social Uxío Novoneyra. Achegarse ata alí será o modo mellor de deixarse atrapar pola maxia do dicir na voz creadora de quen moito, e ben, teñen para contar.

[Publicado no Sermos Galiza, 31-10-2013]

Esta entrada foi publicada en Literatura galega de tradición oral e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.