Deserto o XX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta

Na mañá de onte, os membros do xurado do XX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta reunímonos na casa consistorial do Ilmo. Concello do Grove para proceder á deliberación que nos levase ata a obra gañadora do certame deste ano. Acompañáronnos en tal empresa a encargada da Casa da Cultura Marina Aguín, que actuou como secretaria do certame con voz pero sen voto, e mais o concelleiro de NNTT, Documentación e Patrimonio Alexandre Aguín, que o fixo en representación da institución convocante.

Por espazo de case tres horas, Manuel Quintáns Suárez (en calidade de presidente), Ánxela Gracián, Francisco Martínez Bouzas, Juan Tallón (gañador da anterior convocatoria) e mais eu tentamos atopar un orixinal que reunise os que, ao noso ver, poderían ser méritos suficientes para distinguir tal texto como gañador do certame. A procura —delongada, laboriosa, intensa— resultou finalmente infrutuosa, pois ningunha das dezasete novelas presentadas convenceu o necesario á maioría do xurado para decidírmonos ao seu favor.

Así as cousas, o xurado non tivo máis remedio que actuar en consecuencia e declarar deserto o premio, o que comunicamos á prensa nunha acta da que, a seguir, extracto algúns parágrafos que dan conta do alí sucedido; velaí:

Tras un longo e profundo debate, os membros do xurado non atoparon os puntos de encontro necesarios que os conducisen á escolla dun orixinal como gañador. Secasí, este xurado quere recoñecer as calidades que puntualmente puido descubrir nalgunhas das obras presentadas a concurso, mais entende que non foron suficientes para xustificar a concesión dun galardón da traxectoria e o renome do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey. 

Tamén si, este xurado que congratularse do decidido apoio que as dúas entidades que avalan o premio, o Ilmo. Concello do Grove e mais a Editorial Sotelo Blanco, amosaron sempre e seguen amosando para o bo desenvolvemento do certame, confirmado polo feito de que xa estean preparándose as bases para a vindeira convocatoria no primeiro trimestre do 2014.

Oxalá a vindeira convocatoria nos depare a fortuna de poder proclamar un texto gañador que axude a seguir aumentando a nómina de novelas coa que se adorna este premio, que neste ano alcanzou a súa vixésima convocatoria e que, de seguro, acadará moitas máis para ledicia de creador@s e lector@s.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.