Versos pomares

Trabei Ata o corazón da mazá de Marisol Gándara Sánchez e fun consciente do saibo que houbo deixar en Dores Tembrás, María Rosendo Priego e Miguel Anxo Fernán Vello, responsables de que este libro se fixese co XXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, convocado polo Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene coa axuda do concello daquel lugar e publicado por Espiral Maior.

Os textos de Gándara Sánchez debuxan unha arquitectura perfectamente delineada: sete longas composicións entre as que se intercalan seis poemas en prosa de feitura epistolar dirixidos á bíblica Eva, simbólica ascendencia coa que se dialoga para repensar o presente en clave xenérica e reivindicativa.

Hai nestes versos pomares unha afirmación do feminino evidente, tamén si unha denuncia das imposicións e subterfuxios do patriarcado, as súas falsas máscaras e convencións limitadoras. O poema procura osíxeno, esixe un outro papel para a muller, lonxe dos estreitos corsés cos que parte da sociedade quere reducila.

Mais tamén navegan por estas composicións os corpos exultantes, a celebración do gozo, a erótica rebelde e indomable. E, a canda esta festa amatoria da pel fulgurante, a reflexión sobre a escrita, a asunción do poema como ínsula na que abeirar a salvo dun mundo entolecido, a palabra como territorio para a superación da ditadura pronominal, unha gramática dos afectos que a verba desata.

Dourada mazá esta de Marisol Gándara Sánchez, digna das mellores Hespérides literarias. Unha estrea poética que deixa expedito o camiño para que a súa autora o ande con éxitos vindeiros que seguro chegarán.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.