Toc toc

Coñecín o entregado e meritorio traballo de Pablo Díaz a partir da publicación hai tres anos de Tic tac, o libro-disco editado por Kalandraka con ilustracións de Marc Taeger que en pouco tempo se fixo un imprescindible da escena musical infantil galega.

Había naquel seu primeiro disco moito de intelixente amálgama entre os ritmos máis actuais e o tradicional oral elaborado, todo sen renunciar ao humor e a tenrura máis vivificantes.

Pois ben, ese personalísimo selo musical viuse revalidado nun seu novo traballo, Toc toc, desta volta editado por Galaxia na que é, hoxe por hoxe, unha das mellores coleccións galegas de álbums literario-musicais: Sonárbore.

Toc toc, fermosamente ilustrado por Nuria Díaz, leva no mercado unhas cantas semanas e xa se fixo co favor do público máis novo, tamén si co aplauso das familias, por suposto co doutros oídos finos. Non é de estrañar, pois hai neste traballo ritmos atractivos que mesturan con oficio o rock e a muiñeira, o pop e a pandeirada e unhas letras de retrousos que se gravan no acordo con abraiante facilidade, inzadas de mensaxes optimistas, reivindicativas e sutilmente afirmatorias do noso.

O que en Tic tac se gañaba coa orixinalidade do enfoque nos temas tratados (entrañables e imposibles amores entre xirafas e crocodilos; un rock & roll celtoporcino; nenas fisterrás delgadísimas que hai que ancorar á terra servíndose de traxes de metal para que non voen) neste Toc toc compénsase pola carga de positiva mensaxe respecto de temas sensibles (ecoloxismo, igualdade xenérica ou defensa das tradicións autóctonas como a do Apalpador, entre outros). Por descontado, incorporouse tamén o mellor do noso saber de séculos convenientemente actualizado, como o demostran a divertida versión do texto do romanceiro infantil tradicional “O piollo e a pulga”, que xa documentara en 1886 Xosé Pérez Ballesteros e, logo del, moitos outros folcloristas como Carré, Risco ou Murguía. E outro tanto podería dicirse do moi coñecido “Mazarico, pico, pico” e, xaora, do aproveitamento doutras figuras do imaxinario popular como, poño por caso, Pedro Chosco.

Toc toc sabe tirar partido musical a lugares ben adoitos, como a orquestra musical de animais, o mundo pirata ou as leas de ratos e gatos (moi revisitados neste tipo de propostas) e imprime sonoridade melódica a letras nas que a eufonía rimada, as onomatopeas e aliteracións gobernan harmonicamente.

Tiven a fortuna de comprobar como todo o que levo escrito se materializaba no fantástico directo co que Pablo Díaz e Olga Kirk como vocalistas, acompañados da súa banda (Dani Cerqueiro e Javier Naya á guitarra, Juan Tinaquero no baixo, Fran Amil á batería e Santi Cribeiro no acordeón), nos agasallaron onte á tarde ao público do Milladoiro na Casa da Cultura municipal, un concerto no que as músicas e letras ían e viñan dende o escenario ata a platea sobrevoando os palcos. A maxia da arte que fixo vibrar a nenas, nenos e tamén, abofé, aos que non nos resignamos a perder o que nos queda do pícaro que nos acena cosidiño nas costelas.

Toc toc é unha proposta de Pablo Díaz leda e esperanzada, unha aposta pola felicidade que chama á nosa porta e á que non deberiamos facer oídos xordos.

                                          

O reloxo de Alberte – Tic Tac de Pablo Díaz.

Esta entrada foi publicada en Música e literatura galega e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Toc toc

  1. tictactoc di:

    Moi boas! Grazas polas liñas adicadas!
    Só comentar que os músicos “titulares” da banda que acompañan a Pablo Díaz e Olga Kirk , e que gravaron os discos son: Diego Barral (guitarra), Antón Díaz (Baixo), Carlos Freire (Batería) e Álex Fente (Acordeón). Juan, Dani, Santi e Fran colaboran e cubren as ausencias destes.
    Saúdos!!

Os comentarios están pechados.