Dos amores de Suleiman e Salúa

Como andamos en datas que se prestan ben para as recomendacións pensadas para os máis novos, quero hoxe dar noticia da existencia dun moi fermoso álbum titulado Suleiman y Salúa. O autor do relato é o coñecido escritor Francisco Xosé Fernández Naval e o responsable das ilustracións Ali Ali. Ambos sumaron as súas artes para facer realidade esta alfaia editorial que ve luz na colección Lunalimón do selo oleirense Trifolium.

Suleiman y Salúa é un álbum de gran formato ideado para a súa lectura en disposición horizontal e ilustracións a toda plana que visten o conto breve de Fernández Naval, en realidade un delicioso ganduxado de historias que arrincan da tradicional oral do país do ilustrador, Siria, pois alí naceu e residiu Ali Ali ata que hai algúns anos veu vivir a Betanzos, onde coñeceu a Fernández Naval e onde unha tarde, á caloriña amigable dun te, foi degraendo oralmente estes relatos da súa nenez aos que logo deu feitío literario o autor ouresán.

Suleiman y Salúa compón unha narración de antiquísima raiceira á que aquí se lle dá nova fasquía. Refírome ao lendario da serea habitante dunha illa extraordinaria que namora dun pescador pero que, tras un tempo de intensa paixón, ve como o seu amor remata por mor da imposibilidade de conciliar os seus tan diferentes mundos de orixe.

Hai tres mil anos, na mesma Siria na que ollou a luz primeira Ali Ali e onde logo aprendeu esta narrativa oral, xa se contaban historias de sereas, as mesmas que logo pasaron á mitoloxía grega con Homero e outros e que despois desembarcaron no lendario popular atlántico e, xaora, tamén nortibérico e galego en particular.

Non insistirei aquí, por tanto, nas múltiples fontes posibles das que bebeu Suleiman y Salúa, pois nin os autores as ocultan —todo o contrario, homenaxéanas gozosamente— nin precisan detallarse para confirmar o evidente: que este libro é unha máis que atractiva proposta tanto dende o textual coma dende o visual, pois paira sobre del a máis preciosa e exótica das atmosferas, esa que envolve os relatos de As mil e unha noites nos que tamén aparecen as sereas como protagonistas (lémbrese o conto “Abdullah Abdullah dos pescadores e o Merman” ou a historia de “As aventuras de Bulukiya”) e que serven neste caso como referente no que espellarse.

Mais Suleiman y Salúa ten un outro engado que convén subliñar: trátase dunha edición bilingüe hispanoárabe, pois a evocadora prosa de Fernández Naval cobrou vida arábiga mercé á habelencia de Yassin Swehat, o que fai desta edición unha obra realmente singular, xa que moi poucas veces o engado textual se acompaña da variedade idiomática e, sobre todo, da excelencia nas imaxes, porque non lle acae outro adxectivo máis ca o de admirable ao labor de Ali Ali, á altura da sutil trama recreada por Fernández Naval.

O resultado material que descobre este Suleiman y Salúa é simplemente magnífico. Trifolium propón unha edición impecable, unha obra coidada dende as cubertas ata as tinturas, igual nas gramaxes ca na tipografía, o mesmo na reprodución colorista das ilustracións ca no xogo de marxes e a disposición espacial das planas, todo un recital para os ollos, pois non outra cousa que pasar a vista unha e outra vez por estas follas é o que a un lle pide o corpo ao ter nas mans Suleiman y Salúa, un libro para regalar a pequenos e grandes, se que un é capaz de se desprender, unha vez adquirida, de tal fermosura.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 29-12-2013]

                                 

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua castelá e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.