Presenza do ausente Anxo. A. Rei Ballesteros

A traxectoria literaria de Anxo A. Rei Ballesteros (1952-2008) fixo del unha das voces máis singulares da escrita das últimas décadas. En tempos da Transición andou a ficcionar sobre Dos anxos e dos mortos (1977), cando xa todos o lembraban como unha estraña nube que pasara polas nosas letras iluminou o ceo narrativo cunha Loaira (1992) e, un algo despois, aínda recuncou con A sombra dos teus soños (1998) e Non sei cando nos veremos (2005). Póstuma foi A noite do moucho, pois nos derradeiros anos Rei Ballesteros imantara nunha deriva autorial na que cada vez lle interesou menos a ficción pola ficción e si moito máis, pola contra, os mecanismos, o sentido, o ser esencial que o propio feito literario, o acontecemento da escrita, supón como actividade individual e humana. Esta é, en non pequena medida, a razón de libros como Tempo e vinganza (2003) ou Urda e mundo (2008) e, sobre todo, é a causa da nacenza dun ensaio como Presenza dunha Ausencia. Sobre Maurice Blanchot, a obra sobre a que agora quero chamar a atención.

Publicada por Axóuxere Editorial, selo rianxeiro que xa nos leva dado varias alegrías ensaísticas nos últimos tempos, Presenza dunha Ausencia é, en realidade, un ensaio reconstruído, pois Rei Ballesteros deixouno manuscrito nun estadio de redacción que non sabemos se era para el definitivo, mais pola desorganización dos materiais e a falta de vontade á hora de dálo a coñecer parece que era un proxecto aínda a revisar polo escritor.

Secasí, sorprende a unicidade que adquiriron os materiais publicados agora en libro, un labor de transcrición e ordenación no que interviñeron tanto os responsables editoriais de Axóuxere coma outros estudosos e coñecedores da obra de Rei Ballesteros que axudaron a que o ensaio acabase vendo a luz aconsellando lecturas e interpretacións aquí e acolá.

Tal como a nós chegou, Presenza dunha Ausencia é un manuscrito de meridiana extensión que custodiou a que fora a primeira muller do autor, Maribel Soto Meijomance, quen llo cedeu á que foi a derradeira compañeira do escritor, María Xesús Armada Castaño, para a súa edición. Xustamente esta última é a responsable do breve prólogo co que se abre esta edición do libro, que conta tamén cunha introdución dos editores baixo o título “Devir nada, devir ninguén”.

En síntese, Presenza dunha Ausencia é unha lúcida e fonda reflexión sobre o que a Literatura é a partir da lectura que do imprescindible L’espace littéraire de Maurice Blanchot realizou o autor de Codeso. Por tanto, este ensaio é un diálogo filosófico que amplifica e leva máis alá moitas das ideas apuntadas polo pensador francés, co que Rei Ballesteros establece unha dialéctica que o conduce tamén á obra doutros intelectuais decisivos como Michel Foucault ou Georges Bataille e mesmo á escrita de xenios da literatura como Shakespeare ou Goethe.

A literatura como baleiramento, como ausencia primixenia, como realidade pura, orixe ou “condición anterior e a priori da ulterior oposición entre verdade e mentira (…) entre o «mal» e o «ben»”. Toda unha teorización ontolóxica do que o literario, como ausencia ou nada, implica, coa súa posterior materialización nas obras que abren o discurso a ulteriores interrogantes verbo da distinción dos conceptos de “libro” e “obra”; o que a “biblioteca universal” poida ser; a transformación da lingua (o pensamento ou discurso) en “imaxe fascinante” ou imago que é e nada é; a preeminencia ontolóxica da linguaxe; a (in)temporalidade da fala e a escrita; a contemporaneidade (literaria, e non só) entre comunidade e individuo ou o a complexa relación entre o contido, o significado ou  mensaxe e a forma.

Presenza dunha Ausencia acompáñase dun apéndice final que contén unhas amplas “Notas de Edición” nas que se recolleu tanto marxinalia do autor coma numerosas explicacións dos editores sobre escritores ou conceptos aos que Rei Ballesteros aludiu no texto e que non sempre resultaban de doada identificación, o que converte estes apuntamentos non só en pertinentes nótulas, senón tamén en moi útiles pistas de lectura.

Se ao comentado amecemos a reprodución facsimilar dos catro folios iniciais do autógrafo do escritor e mais o encarte fotográfico que o artista Juan Carlos fixo para a obra co rótulo “Tríptico (para Anxo Rei Ballesteros)” terase o retrato completo dunha publicación de mérito da colección Polimnia de Axóuxere Editora, que enriquece o seu escolleito catálogo con esta alfaia ensaística felizmente recuperada.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 5-1-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.