Poéticas de expansión

Antoloxía de referencia. Etapa de expansión é o título co que se completa a triloxía de escolmas que o grupo senti_mentalista leva a publicar dende o 2011 na Editorial Bubela.

Desta volta, os antólogos responsables do proxecto son dous ben coñecidos poetas tamén eles: Xavier Lama e mais Branca Novoneyra, quen prologan e poslogan a selecta ao tempo que asinan as fichas bio-bibliográficas dos autores escolleitos, a saber: Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos e mais Helena Salgueiro.

Sete poetas que representan a máis nova escrita de noso, pois o maior deles apenas se supera a trintena e os máis novos nin sequera chegan nalgún caso á maioría de idade. Enténdese ben, por tanto, que sexan poetas que se deron a coñecer no último lustro.

Son, xaora, creadores de traxectorias ben diversas e apostas estéticas e temáticas complementarias. Hai, por tanto, autores con poemarios individuais xa no mercado e outros que aínda non deron ese salto; poetas en exclusiva e outros que tamén practican a narrativa ou o ensaio; creadores monolingües e mesmo algún que é autor bilingüe galego-islandés.

Con tal pluralidade, entenderase que o máis valioso desta escolma resida, xustamente, no vizoso da proposta, onde pode lerse de todo: poemas en prosa, poesía de liña versal breve, textos de airexa formal e dicción máis clásica ou composicións de engastado multilingüe e referencias poliartísticas.

Esta Antoloxía de referencia. Etapa de expansión é unha obra que se insire dentro do proxecto senti_mentalista promovido por quen dirixe o selo que lle dá acubillo, Xesús M. Valcárcel. Hoxe por hoxe, constitúe a máis completa escolma de voces novas existente no mercado, unha obra ideal para informarse do que se coce poeticamente entre as últimas promocións, coa engádega de que aparecen aquí non só versos tomados dalgunha publicación anterior, senón, sobre todo, moitos poemas ata o de agora inéditos que se ofrecen, en exclusiva, neste interesante título.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.