Diario DC: uns zapatiños novos para Xosé María

Hoxe, ás oito e media da tarde, na Biblioteca de Quintela en Moaña, o dúo 2naFronteira preestreará ‘Zapatiños para Díaz Castro’, o avance do disco que ultiman con quince temas baseados en poemas dos Nimbos de Díaz Castro.

Os amigos da Lonxa Literaria —capitaneados por Xosé Daniel Costas Currás, quen recitará alí tamén versos do guitiricense— arrouparán este evento co que estes dous músicos homenaxean ao autor das Letras Galegas do 2014.

Oíranse ao pé do Atlántico a voz de Carmen Penim e o seu harmonio xunto ao piano e un outro harmonio de Maurizio Polsinelli.

Todo un espectáculo que promete momentos líricos inesquecibles e ao que convido a asistir a todos os que amen a música e a poesía. Para ir facendo boca, déixovos aquí unha mostra instrumental do que alí poderá escoitarse, que contén, amais, imaxes ben simbólicas do universo do poeta.

                                              

Esta entrada foi publicada en Música e literatura galega e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.