Da lusofonía literaria

Coido que ben poucos en Galicia teñen escrito tanto e tan ben sobre os espazos literarios da lusofonía como Xosé Lois García. Máis de trinta anos de artigos, conferencias, monografías e estudos varios confirman o que digo, pois case non hai autor, realidade escritural ou evento de importancia lusófono acaecido nas últimas décadas que non fose convenientemente glosado por este profundador das excelencias literarias da nosa lingua irmá.

Polas diversas xeografías da Lusofonía é unha amplísima recompilación de case novecentas páxinas nas que García puxo por xunto boa parte dese labor. O volume, editado pola Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María, recolle varias ducias de traballos entre os que se contan prólogos, artigos xornalísticos, ensaios en libros colectivos e revistas e mesmo entrevistas a autores.

Grazas a esta extensa recolleita sabemos da literatura e principais voces de Portugal e do Brasil, mais tamén de Angola, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Mozambique, São Tomé ou Timor, escrita espallada polos diversos continentes que abrangue igual os clásicos que os creadores máis recentes, tanto narradores coma poetas, dramaturgos ou ensaístas.

Xosé Lois García achega tamén outras pedras de azucre a este seu doce compilatorio, como é, por exemplo, a serie de artigos publicada no seu día na sección “Ecos Lusófonos” de A Nosa Terra na que estudaba a presenza da literatura e a cultura de expresión portuguesa en autores galegos como Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Castelao, Antón Vilar Ponte, Xohán Vicente Viqueira, Manuel Curros Enríquez, Antonio Noriega Varela, Eloy Luis André, Vicente Risco ou mesmo unha moito máis nova Iolanda Zúñiga.

Imprescindible. Ese é o cualificativo que mellor describe este Polas diversas xeografías da lusofonía para aqueles que queiran coñecer, de primeira man, o que na escrita de expresión portuguesa leva vendo a luz tanto nos últimos lustros coma en épocas precedentes, unha obra de Xosé Lois García que engrandece a súa xa dilatada traxectoria.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual, Literatura en lingua portuguesa e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.