O vitalismo de Antonio Manuel Fraga

Descubro, con gozoso asombro, a ópera prima de Antonio Manuel Fraga: O castañeiro de abril, fermosa historia coa que obtivo o último Premio Merlín de Literatura Infantil. Nada del lera con anterioridade, pois, ata onde sei, este ben interesante narrador de Pontedeume vivía alleo á escrita pública, mergullado nas angueiras propias da enxeñería industrial, que é a ocupación na que andou centrado nos últimos lustros.

O castañeiro de abril non ten, na súa arxila, nada que o faga especialmente rupturista (manexa con habelencia arquetipos de longa tradición, como o orfo desvalido, os familiares malvados, o pai viaxeiro e outros), mais o seu éxito radica en anovar a fórmula, dispoñendo de xeito orixinal a trama na que esas funcións proppianas actúan.

Deste xeito, a novela de Fraga achéganos un mundo no que a esperanza e a capacidade de superación vencen as sombras do mal, o destino adverso que, de primeiras, abisma na tristura o protagonista desta historia, Baltasar, un rapazolo cego ao que lle morreu moi nova a nai e que vive coas súas perversas tías á espera dun día reencontrarse con seu pai, quen tivo que marchar e abandonalo por dolorosos imponderables que a propia narración vai aclarando.

Polo medio aparecen outros personaxes absolutamente cativadores: un zapateiro rosmón pero fidel e xeneroso amigo do protagonista, unha nena bondadosa e delicada e, sobre todo, un ser fantástico que é o que dá nome ao libro, o castañeiro de abril, unha sorte de anxo tutelar que velará pola sorte de Baltasar e lle axudará a descifrar o seu futuro a partir de enigmas rimados (outro clásico) que este deberá resolver para evitar desgrazas e superar as súas limitacións.

Narrado cunha prosa moi ben traballada, O castañeiro de abril consegue un equilibrio pouco habitual entre a textualidade accesible para o lectorado máis novo e unha estilística abondo perfilada para ser lida con agrado por padais adultos máis esixentes.

Emocionante, chea de valores positivos e, sobre todo, moi sentida, O castañeiro de abril é un belo canto á vida e a loita por vencer os obstáculos e barreiras que nos afastan da felicidade. Porque se queremos, podemos. Só hai que saber escoitar o castañeiro de abril que todos levamos dentro.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.