Choiva de entretemento

Coido que non me equivoco se digo que, a estas alturas, Pedro Feijoo é xa para o lectorado galego un nome ben coñecido. Abonda con lembrar a positiva acollida da que gozou a súa primeira novela, Os fillos do mar (2012), texto aventureiro que moitas alegrías lle deparou, entre elas o Premio Arcebispo Juan de San Clemente do pasado ano.

Pois ben, este autor formado filoloxicamente que tanto leva feito pola escena musical galega, volve á escena literaria cun novo texto narrativo que propón, dende a mesma contracuberta do libro, “entretemento” como “bandeira”.

E abofé que o consegue, pois se algo lle sobra a A memoria da choiva é capacidade para distraernos por un bo anaco: o que proporcionan 469 páxinas de thriller literario.

Ao texto de Feijoo non lle falta ren do imprescindible no perfecto manual da novela de xénero: asasinatos varios; un pescudador que ten de desvelar quen é o que causa tanto mal (neste caso un espelido xornalista, outro clásico); un axudante do protagonista como heroico perseguidor do asasino (aquí unha sagaz profesora universitaria, arquetipo tamén ben coñecido); e logo un texto no que figuran, cifradas, as claves para a resolución do caso (que Feijoo transforma en macrotexto e enraíza no simbolismo da poética rosaliana, nada máis e nada menos).

Con estes ingredientes, está claro que a proposta de Feijoo xoga a carta descuberta, non pretende enganar: o que ofrece é o que hai.

Por iso mesmo me parece inxusto que se pretenda pedir á súa escrita excelencia estilística, orixinalidade nos motivos literarios, sutil perfilado evolutivo na caracterización dos personaxes ou altura conceptual no tecido sociolóxico de substrato.

Non. Non se lle pode pedir nada diso a Feijoo porque a súa aposta é outra, como dende a propia editorial deixan ben claro: “ante todo, o entretemento”.

Que logo queira enredarse con se nas nosas letras debe enxalzarse ou non un produto como este, perfecto exemplo do best seller —a escala galega, xaora—, é fariña doutro saqueto. Haberá defensores e detractores, por descontado, pero non pode negarse que un título así vivifica o noso mercado e fai que curioseen na lectura da escrita en galego xentes que non son usuarias habituais. E iso é algo que, deixando á parte o xuízo intraliterario que o texto mereza, debe apreciarse na súa xusta medida.

[Publicado no Faro de Vigo, 16-1-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.