Audicións teatrais

Hai iniciativas que resultan de tanta importancia para a literatura dun lugar que non poden menos que ser aplaudidas. Este é o caso da convocatoria que, ano tras ano e dende hai xa case una década, leva adiante o Diario Cultural da Radio Galega a través do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, un certame que se complementa cun outro do mesmo xorne pero dirixido a autores noviños de Ames Radio, sendo ambos, hoxe por hoxe, os únicos espazos de relevo que se ocupan deste xénero tan singular que é o teatro radiado.

Por fortuna, no caso do galardón proposto polo Diario Cultural os seus froitos transcenden a fugacidade da emisión puntual e gañan perennidade mercé ao esforzo que Edicións Xerais de Galicia fai, dende hai anos, para publicar os textos premiados neste concurso, labor no que tamén axuda o CDG e o inestimable patrocinio da Xunta de Galicia.

O resultado desta venturosa conxunción de vontades plásmase agora na edición do VII Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2013, onde se recollen catro das pezas que no verán pasado foron emitidas neste programa precedidas dun limiar da actriz e directora de teatro Mariana Carballal.

A primeira das obras amosa o twitteriano título de “#chovencartos” e foi escrita por Raquel Marco Mejuto. A peza recibiu o Premio do Xurado outorgado por un grupo de recoñecidos profesionais entre os que se atopaban, amais da amentada Carballal, Eva. F. Ferreira, gañadora do certame na anterior convocatoria; Camilo Franco, xornalista e crítico de teatro; Manuel Guede Oliva, director do CDG; Gloria Ferreiro, xefa de programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do Diario Cultural.

“#chovencartos” é unha mostra perfecta de ficción especulativa que asenta nun suposto tan transparente coma suxestivo: ¿que pasaría se un avión ateigado de billetes do Banco Central Europeo que se dirixise a Portugal para entregalos como rescate ou préstamo tivese, por forza maior e para evitar un accidente, que liberar a súa carga e esta ‘chovese’, xustamente, sobre toda Galicia? ¿Como sería contada esa realidade minuto a minuto polos nosos medios de comunicación?, ¿Como cambiaría iso a nosa situación crítica?

A segunda das pezas do libro e Premio da Audiencia, “O demo nunca dorme”, é obra de Jesús Lista, quen achega unha proposta máis tradicional, onde o tema dos mariñeiros afogados se erixe como leimotiv e todo o domina a espiral de desgraza que desata, por veces, a desaparición dos seus corpos.

Foi finalista do concurso o texto escrito a catro mans por Marián Bañobre e mais Santiago Cortegoso co título de “Despois do sinal”, unha moi orixinal aposta que estrutura o discurso escénico presentando tres tramas paralelas ás que imos accedendo por revelárnolas a través das mensaxes que deixan no contestador automático dun mesmo individuo tres persoas diferentes: a nai do individuo (que chama o fillo mentres participa nunha manifestación antibancaria polo problema das preferentes), a moza deste (que acaba de marchar da casa común por unha monumental rifa de parella) e mais un outro home que solicita os servizos de terapeuta psíquico do dono do contestador, quen vai escoitando as mensaxes que nel gravaron os tres anteriores e garda silencio.

Bañobre e Cortegoso conseguen con esta peza —ao meu ver a mellor do conxunto tanto polo arriscado e orixinal da súa estrutura compositiva coma pola verosemellanza dialéctica que consegue— mergullarnos na realidade social máis actual para verter un sutil alegado contra os abusos de poder, a incomunicación social e mesmo a tensión relacional que acora os individuos.

Por remate, este volume recolle unha última obra, “Suite en tres movementos para unha época de carraxe”, asinada por Irma Amado, unha proposta moito máis simbólica onde o elemento musical xoga un papel determinante e a crítica do clasismo feroz se fai máis que patente.

Como era de esperar, a edición deste VII Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2013 compleméntase cunha engádega dun cd no que se recolleron as catro pezas imprentadas, posibilitando, así, que poidan oírse estas historias tal e como foron no seu día radiadas, o que favorece achegarse a estes textos dun xeito máis versátil, pois deixa aberta aos receptores a escolla de realizar unha lectura verbal ou sonora das obras.

Sexan, pois, parabéns para tan agradecida iniciativa, que agardamos siga acompañándonos moitos anos, tanto na inmediatez das ondas radiofónicas coma nestoutro soporte máis duradoiro, pois todos os camiños conducen aquí ao bo teatro.

[Publicado no Galicia Confidencial, 27-12-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Teatro galego actual e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.