Terceiro aniversario de Criticalia

cropped-cabeceira_heitor_picallo.jpgHai agora tres anos, nos primeiriños de febreiro do 2011, publicaba o post inicial deste blog. Sabía, daquela, cales eran os meus desexos: abrir na Rede un espazo para o comentario de libros galegos de todo xénero e época e tamén doutros escritos que xirasen arredor do noso mundo literario. O que non sabía era se gozaría de boa acollida, se o proxecto se sentiría como útil e, sobre todo, se conseguiría crear unha comunidade de seareiros aos que lles prestase informarse de todo aquilo a través da bitácora que, asemade, estaba ideada como un repositorio dos meus traballos nos medios en papel.

Co tempo o blog foi medrando na súa ambición. Comezou a recoller textos que escribía xa de propósito para el, textos que non foron antes publicados na prensa convencional. Foron nacendo así novas seccións de artigos e reflexións (Derivas), de crónicas de actos e eventos, enquisas e mesmo escritos sobre efemérides.

Andando o tempo pareceume que era necesario contar coa voz dos propios autores, deixar que eles se expresasen e que o fixesen nun espazo que lles permitise, a un tempo, auscultarse creativamente e reflexionar sobre a súa circunstancia, individual e colectiva, como escritores. Así xurdiu o Parlamento das Letras, un modelo de entrevista que segue a gozar de excelente aceptación e suscita grande interese.

Chegada certa altura, crin tamén que a miña perspectiva balizadora necesitaba contrastarse coa opinión doutr@s colegas e ideei a Tabela dos Libros. Deliberadamente, convidei a que participasen nela un grupo de compañeir@s que puidesen opinar sen interferencias (crític@s non creador@s, que non traballan en exclusiva para ningunha editora nin ningún medio, que pertencen a diferentes xeracións e que, estando perfectamente informados e coñecendo todo o que se publica, se dedican a ámbitos xenéricos complementarios). Teño que agradecer, máis unha vez, a xenerosa e entusiasta acollida que amosan con este proxecto, mes tras mes, Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Montse Pena Presas e Manuel Rodríguez Alonso. Sen eles a Tabela dos Libros non sería un foro plural, independente e actual, que coido que é como foi, e segue a ser, recibido sempre este barómetro que entre os cinco levamos adiante.

Pero Criticalia tenta aínda explorar outras posibilidades (poño por caso, unha das últimas incorporacións, a sección de Radiocríticas) e en datas moi sinaladas procuro ofrecer aos que por aquí pasan textos inéditos ou curiosidades que eran descoñecidas para a comunidade lectora.

Todo ese esforzo viuse recompensado, sobradamente, nestes tres anos. Fostes moitos os que por aquí pasastes, non poucos os que deixastes os vosos comentarios e moitos os que vos fixestes eco, aquí e acolá, do que nesta bitácora literaria se propuña. A tod@s, beizóns.

No meu afán de facer de Criticalia un territorio para letraferid@s vivo e dinámico, aproveito este terceiro aniversario para agradecer a compaña que tiven das instantáneas de Marcos Candia (hoxe tamén presentes).

Igualmente, vaia a miña gratitude para Baldo Ramos polas cabeceiras realizadas ata agora para o blog, que muda de estilo para incorporar un novo cabezallo deseñado por Héitor Picallo, un dos nosos mellores retratistas literarios que, con todo desprendemento, quixo agasallarme coa que será a cabeceira en adiante. Tamén a el, beizóns.

E máis nada. Só desexar que Criticalia continúe sendo a casa común, aberta e plural que sempre soñei. E vos que a vexades e a gocedes por moitos anos.

Esta entrada foi publicada en Varia e etiquetada . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Terceiro aniversario de Criticalia

  1. Grazas a ti por facer de Criticalia unha xanela dende a que un pode mergullarse, e en profundidade, no panorama literario galego.
    Apertas e a seguir.

Os comentarios están pechados.