O señor do refugallo

Sucédeme unha cousa prodixiosa cando leo a Paula Carballeira: esquezo que son un adulto, volvo á dondura da infancia, cando o mundo aínda era neno e meu ollar desoblicuo.

Volvín experimentar esa gratísima sensación coa súa última peza teatral, O refugallo, obra coa que obtivo o VI Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, un texto do que puideron gozar xa os asistentes á representación que da obra fixo a compañía Berrobambán no Salón Teatro meses atrás.

O refugallo é un texto en seis escenas e apenas catro personaxes, hipercaracterizados dende o propio nome: Isolda, unha nena que, como máis prezada posesión, ten un libro de viaxes; Borboronte, un neno ao que acompaña a todas partes a súa amiga a tartaruga Úrsula; Hipatia, outra nena que é quen de ver o ceo co seu telescopio e Lustucrú, un outro neno que ten unha pata de pau e uns naturais dotes de mando.

Xuntos van embarcarse na aventura de construíren un barco a partir do refugallo do vertedoiro no que viven. Un barco de ilusión, que os leve ás Illas Galápagos, vale dicir ao Paradiso co que todos eles soñan, un lugar máis alá da miseria na que viven, do mundo lixo no que lles tocou habitar.

Hai nesta obra, aparentemente ‘inocente’, unha fondura na denuncia social que xa quererían para si moitas pezas adultas pretensamente engagées. O ecolóxico, a denuncia da marxinación e a exclusión de clases, a resolución dos conflitos e a aposta a prol da non violencia van tramando, sutilmente, as accións e situacións que os catro protagonistas viven.

O refugallo é unha magnífica recreación de como a vontade pode lograr cambiar o mundo e mellorar as relacións interpersoais procurando espazos de converxencia. Neste sentido, O refugallo ten evidentes concomitancias con O señor das moscas de Golding, pois ambos comparten ese escenario de personaxes nenos que deben atopar o xeito de convivir, o que non sempre é doado. Difiren, claro está, na resolución, drástica no caso do autor de Cornwall, positiva e utópica no de Carballeira.

Leda, divertida, imaxinativa e chea de coruscantes diálogos, O refugallo é unha peza que se le dun tirón, pois reconcilia a un co máis nobre da especie e lémbranos que todos somos capaces de ser moito mellores.

Moi atinada tamén a decisión de encargar a Dani Padrón as ilustracións para a obra, pois os xogos de tinturas e de degradados, a especialísima combinación de luces e sombras e a definición admirable do seu trazo fan deste debuxante unha aposta segura diante de calquera reto literario que haxa que traducir a imaxes, conferindo sempre a súa particularísima ollada.

Paula Carballeira volve sorprender coa altura e acerto deste O refugallo, sobresaliente creación que nos deixa personaxes memorables como a xeógrafa soñadora Isolda, o fidelísimo e paciente Borboronte, a vital e aventureira Hipatia ou o sensato e conciliador Lustucrú, o señor do refugallo, líder dunha expedición ao corazón da esperanza.

[Publicado en Praza Pública o 14-2-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Teatro galego actual e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.