Coa bandeira da lingua

Cheguei ao coñecemento de Héitor Picallo Fuentes primeiramente polo seu labor pictórico. Souben das súas ilustracións para os medios, dos seus retratos de escritores e persoeiros, mesmo das súas caricaturas na Rede, mais non foi ata un tempo despois que descubrín a solidez e continuidade da súa dedicación á escrita, da que vagamente se tiña unha nebulosa noticia por algún artigo xornalístico.

A primeira sospeita de que andaba eu nun problema de paralaxe tívena cando dei con el gañando o Premio Reimóndez Portela de Xornalismo por unha interesante serie de artigos. Confirme esa sospeita tempo despois, ao ir facéndome cos exemplares da serie Tirilín de Fervenza Editorial e desfixen este descoñecemento recentemente, vendo por xunto o seu traballo de anos no volume compilatorio Coa lingua na Terra, que publica a Editorial Toxosoutos nun longo limiar do historiador Xosé María Lema Suárez e un non menos extenso epílogo do escritor David Otero.

Coa lingua na Terra ten unha estrutura sextipartita na que van agrupándose distintos textos que, dunha ou doutra maneira, converxen no denominador común da identidade lingüística e, por extensión, cultural e comunal.

O primeiro dos bloques nos que a obra se divide recolle, precisamente, os artigos cos que Picallo Fuentes se fixo merecedor do Premio Reimóndez Portela, escritos que figuran antecedidos pola acta de resolución do xurado e diversas notas de adhesión. Seguen logo os artigos, nos que denuncia a desaparición de medios que se expresaban en galego, afirma a dignidade do idioma e mais o seu valor secular e remata coa reprodución do discurso de recepción do premio, intenso e denunciatorio no político contra aqueles que desatenden as obrigas estatutarias coa lingua propia das galegas e galegos.

Tras estas seccións figura unha terceira na que, baixo o título de “Verbas no alento”, se integran laudatios a personaxes públicos que se significaron no emprego do idioma (o bispo ourensán Xosé Leonardo Lemos Montanet ou o ciclista Ezequiel Mosquera), fanse chamadas de atención para normalizar o emprego deste en eidos como o eclesiástico e mesmo aparecen memoranzas a amigos idos como Avelino Abuín de Tembra ou saúdas aos cultivadores do galego exterior con motivo do seu ingreso como correspondentes da RAG.

“Illas de palabras sobre un mar de terra” pon por xunto, sobre todo, breves comentos de obras literarias de creadores amigos, como Anxos Sumai, David Otero, Miro Villar ou Xosé Fernández Abella, aos que suma artigos onde se congratula polo nonaxésimo oitavo aniversario que foi de Avelino Pousa Antelo ou a presenza de pegadas galegas en Flandres e Bruxelas, xunto á lembranza, agradecida, de persoas que Picallo Fuentes admiraba, como Ceferino Díaz, o escritor Lêdo Ivo ou o sociólogo Gonzalo Bouza-Brey.

O penúltimo dos apartados, “A palabra no vento: manifestos”, recolle dous discursos, un deles pronunciado no Courel con motivo da dedicatoria do Día das Letras Galegas do 2010 a Novoneyra e nel centrado e outro un alegado en defensa de Isaac Díaz Pardo cando este sufrira o desprazamento na dirección do Grupo Sargadelos e se producira o “adeus ao Instituto Galego de Información”.

O remate do libro constitúeno dous relatos breves cos que Picallo Fuentes quere sensibilizar sobre a problemática da lingua a mozos e maiores a través dunha ficción ás veces de pouso autobiográfico e outras fantástico e aínda fabulístico, textos nos que o didactismo se impón, mais sen acabar de casar coas virtudes dunha prosa que precisaba talvez de menos pedagoxía si doutras apostas.

Coa lingua na Terra conta tamén co atractivo das ilustracións que o propio autor foi dispoñendo ao longo do volume, retratos de escritores amigos e autores admirados que engaden valor a unha obra xa de por si meritoria, por canto non se limita a recoller textos que permanecían espallados nos medios (Diario de Arousa, Diario de Pontevedra ou a plataforma en Rede Prolingua), senón tamén outros inéditos que ven luz agora para completar unha panorámica ensaística lúcida e inequívoca no compromiso coa bandeira da lingua, que é tanto como dicir coa defensa do pobo que lle é propio.

[Praza Pública, 24-1-2014]

 

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.