Diario DC: O neno das zocas

Tal día coma hoxe, hai cen anos, via a luz primeira o poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro. Máis propiamente habería que dicir que o facía o naipelo José Manuel María Díaz Castro, pois ese era o nome co que foi rexistrado non en Guitiriz, tal como comúnmente se di, senón en Trasparga, xa que esa era a designación que o actual concello tivo ata o ano 1945.

Díaz Castro foi na casa Pepe, hipocorístico familiar co que o coñeceron os seus. Ese, e non outro, era o nome polo que atendía aquel neniño que nacera en territorio tan sinalado como o Vilariño dos Cregos, lugar forte da parroquia non menos importante dos Vilares de Parga.

O Vilariño, con tan só tres casas, era un mundo. Fórao dende había séculos, pois houbo tempos en que chegou a haber alí ata nove pastores de ánimas e tanta era a ascendencia daquel señorío da Casa de Alba que mesmo se erixiu no XVIII unha capela que aínda a mediados do pasada centuria celebraba misa en datas sinaladas.

A Casa de Cidre era a mandorla na que o cosmos daquel neno observador e imaxinativo foi fraguándose. Non era un lar calquera, pois seu pai traballaba de escribán no concello, así que o neno que logo foi poeta tivo dende cativo acceso á lectura dos xornais aos que o seu proxenitor estaba subscrito e tamén á modesta biblioteca da casa, onde, había obras de autores casteláns e franceses que moito gorentaron ao pequeno soñador.

Porque Díaz Castro foi un neno de zocas, unha voz extraordinaria que naceu da máis fonda raíz da Chaira. Pan, leite, centeo, soño e luz de aurora —como confesa no poema “Coma brasas”— aleitaron aquel rapaciño que xa de moi novo fulguraba na escola gañando concursos infantís e lendo discursos en datas sinaladas.

Díaz Castro, o neno das zocas, era tamén o irmán que con algún dos seus fraternos (nomeadamente con Serafín, pois Antonio era xa ben máis maior e a María non lle prestaban eses enredos) agatuñou ás árbores infindas das planicies da meseta norlucense para apañar ovos de mil paxaros, para saudar o cuco e cantar coa curuxa, excursionando por toda a redonda para contemplar como baixaba manso o río pola Ponte Gafín, alzar a vista perante o maxestoso menhir de Suatorre ou ver como o sol enterraba as cornas tras os picoutos de Arxán.

Aquel neno das zocas medrou e fíxose poeta por obra e graza da palabra, tamén do saber que de sempre se impartiu na cidade da Paula. É ese neno, o fillo de Cidre e María, o rapaz do Vilariño que sabía diferenciar cos ollos pechos o estourar das abrulas, o recendo das pudias ou o oulear do lobo nos campos dos pans do demo o que agora conmemoramos.

Os que o admiramos sabemos que hoxe é un día grande e por iso estaremos diante da súa campa presentándolle os nosos respectos, porque é xornada de festa para os guitiricenses, para as galegas e galegos e para os amantes da poesía, da poesía que resoará por toda parte.

[Nota: clicando nas imaxes podes velas en maior tamaño]

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Literatura galega e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.