Diario DC: Centenario de Xosé María Díaz Castro

O pasado mércores, día 19, data do centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro, Guitiriz converteuse na capital literaria de Galicia. Unha xornada celebrada na Casa Habanera da localidade que empezou ás 10:30h. e rematou ás 20:00h. e na que se desenvolveron un importante número de actos de diversa natureza.

A mañá, entre as 10:30h. e as 12:40h., foi o momento dos nenos e nenas de Guitiriz que, guiados por Alfonso Blanco Torrado e acompañados polos seus mestres dos colexios de Parga e Guitiriz, visitaron a exposición “Nimbos de Luz” e admiráronse ao ver de forma tan plástica as distintas etapas da vida do poeta dos Vilares. O acto tivo un broche de ouro na voz de Carmen Penim e Maurizio Polsinelli, 2naFronteira, que interpretaron temas de Zapatiños para Díaz Castro nun espectáculo no que as pequenas e pequenos participaron activamente. Ás 12:30h. as rapazas e rapaces do IES Poeta Díaz Castro recibiron ao CPI de Friol e ao IES Urbano Lugrís da Coruña para homenaxear con diversas actividades o autor.

Tras un par de horas de descanso, reanudáronse os actos pola tarde ás 17:00h. no Cemiterio de Guitiriz, onde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e as autoridades autonómicas e locais honraron o poeta cunha emotiva ofrenda floral. As  voces de Antonio Reigosa, Isidro Novo, Marica Campo, Xosé Fernández Abella, Antonio Gil Hernández, Xabier P. Docampo, Luís González Tosar, Xavier Castro Martínez e eu mesmo fixemos resoar os versos diazcasatrianos no camposanto da vila. A lectura poética foi acompañada de alocucións de Xesús Alonso Montero, Mercedes Queixas Zas e Luís González Tosar e nela estiveron presentes personalides políticas (Xesús Vázquez, Anxo Lorenzo, Valentín García, Xosé María Teixido, Mario Outeiro, entre outros) e intelectuais (Germán Castro Tomé, Félix Villares Mouteira, Xosé Antón Miguelez, Manuel Rego e tantos outros) amais dos tres fillos do poeta (José María, Maite e Íñigo Díaz Zubizarreta).

Unha hora máis tarde presentouse oficialmente a exposición “Nimbos de Luz”. Tomaron a palabra o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, o alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, os comisarios da exposición Alfonso Blanco Torrado e Luís González Tosar e mais o fillo maior de Xosé María Díaz Castro, José María Díaz Zubizarreta. Nunha sala abarrotada de público atopábanse moitos amigos persoais do poeta, familiares, escritores e veciños de Guitiriz e das súas diferentes parroquias.

Posteriormente, Carmen Blanco, Xosé Manuel Soutullo e Xosé María Teixido presentaron o meu Xosé María Díaz Castro. Vida e obra e xa ás 20:15h. procedeuse a estrea do documental O instante eterno, de Xosé A. Cascudo, que foi precedido dunha mesa na que interviñeron Marita Carballeira, Mario Outeiro, Alfonso Blanco Torrado e o propio Cascudo.

O día 19 foi unha xornada intensa e moi emotiva, un porto forte da singradura deste Ano Díaz Castro, que seguirá homenaxeando o poeta que, con tanta intuición e habilidade lírica, soubo retratar Galicia coma poucos.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Literatura galega e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.