Eli Ríos gaña o II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

Na tarde de onte tiven o pracer de compartir xuntanza coa amiga Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, e mais os colegas Mercedes Queixas Zas e Luís Cochón Touriño, cos que formei parte do xurado do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.

Nunha xornada intensa na que deliberamos por espazo de dúas horas, decidimos outorgar por unanimidade o galardón ao traballo que se nos presentara baixo o título de Anamnese e o lema Carlos Casa Ares. Malia cadrarmos todos a unha na votación final, non foi doado chegar ata esta, pois foron nada menos que corenta os orixinais presentados, o que, nun certame que celebra agora apenas a súa segunda convocatoria, dá idea do éxito de participación.

Avanzando na escolma das moi diversas e interesantes propostas que se nos remitiron, chegamos a este Anamnese que, unha vez aberta aplica, resultou ser da autoría de Elisabet Ríos Liste (1967), máis coñecida como Eli Ríos, poeta de nacenza londiniense, criada en Ordes e radicada na Coruña, ben familiar para os seguidores do verso galego, pois é autora que ten publicado xa valiosas contribucións, como as tituladas nós escoitando o badalo de Marienplatz (2010) —que foi Premio de Poesía do Concello de Carral—, o traballo en coautoría Rúa da Cancela (2010) —distinguido tamén no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas— e, aínda recentemente, Maria (2013), que foi merecente do I Premio de Poesía O Figurante.

Anamnese vén sumarse, pois, a unha importante lista de obras galardoadas que confirman a Eli Ríos como unha das voces máis presentes da actualidade poética galega, onde é igualmente apreciada pola súa participación en volumes colectivos, a impartición de obradoiros de escrita, o seu labor como contacontos infantil e mesmo as achegas críticas á revista dixital A Sega.

Tal como reflectimos na acta do xurado deste certame patrocinado polo Concello de Fornelos de Montes (terra natal do autor que lle dá nome), o poemario co que Eli Ríos se fixo acredora do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía salienta pola súa capacidade para a elaboración dunha linguaxe nova coa que comunicar un vizoso mundo creativo onde se procura abrir o discurso poético a rexistros alternativos que beben de moi diversas fontes. Tamén si, por esa habelenciosa mestura na que a revelación do cotián e as pegadas do amoroso conviven e establecen un diálogo coa escrita de múltiples autores tanto galegos coma foráneos.

Para ir abrindo boca —pois o libro está previsto que sexa publicado por Sotelo Blanco Edicións en breve—, velaí vos deixo un dos poemas de Anamnese, boa mostra do faladoiro no que Ríos convoca os espectros de autores da súa predilección.

pecho as pantallas do computador e tento respirar o aire da realidade
ricoeur grita nos meus tímpanos
TI TAMÉN ES POSTHEGELIANA
a casa
o home esquecido
o can
a muller sen recordos
os nervios
o tempo
o poema
carver e tess
sentan nas cadeiras da cociña enfronte do portátil sen un convite formal
falan entre eles dos gritos nomes sabas e a ferida mortal como se non me visen
comprenden
explican
a recolección
a diseminación da intención motivo fin movemento causa acontecemento
coa naturalidade de quen se sabe eterno
beben o meu ribeiro en copas de champaña
e non me queda máis que sentarme a escoitalos no silencio do amencer
o fume do tabaco anubra a lámpada de baixo consumo
nas paredes esvaran pingas condensadas de palabras sen sentido
carver pide máis viño en cuncas de barro
o can quere unha tirita e o poema inacabado garda unha pausa
pregúntolle a tess se van quedar para abrir o sofá cama
e responde
eu só son unha convidada textual
viñen aquí para lembrarche os orgasmos do home esquecido
o tempo e a memoria deciden cando nos has escribir
  
 
 
Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Poesía galega actual, Varia e etiquetada , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.