Nas páxinas de FerrolAnálisis

Levo anos admirado pola impecable factura dunha revista galega. Cada novo número seu que chega á casa é unha festa para a mente e ollos, un desafío lector pola variedade e fondura dos artigos que inclúe, mais tamén unha experiencia gozosa pola altísima calidade material da publicación, un artefacto que un sostén nas mans e vai ollando co maior dos agrados.

Ese festival da escrita e a edición ten un nome xa asentado e recoñecido entre o melloriño das revistas que aquí se publican dende hai máis de vinte anos: FerrolAnálisis, cabeceira que naceu en setembro de 1990 e na que tivo —e ten— papel protagónico o infatigable xornalista ferrolán de ascendencia guitiricense Xermán Castro Tomé, presidente de honra do Club de Prensa de Ferrol, grupo que a botou a andar e que hoxe coordina Xan Morales coa axuda de María Ares Sanmartín como directora de publicacións.

Presentado agora como anuario —en tempos foi semestral—, FerrolAnálisis puxo na rúa a finais de mes pasado o número vinte e oito, extensa entrega de máis de trescentas páxinas en formato folio ampliado onde se recolle case unha corentena de traballos distribuídos nas diversas seccións das que a revista se compón: Pensamento e Política; Comunicación; Historia; Arte e Arquitectura; Literatura; Curso Gurméndez; Ferrolterra-Perfiles; Defensa e Seguridade e mais Ciencia e Tecnoloxía.

Como me faría prolixo de máis dando conta aquí de todos e cada un destes valiosos traballos, centrareime unicamente naqueles que, por proximidade temática, espertaron en min maior interese. Secasí, non quero deixar de recomendar vivamente a lectura ao completo do número, pois non facelo privaría ao que a ela se achegue das interesantes reflexións dun Federico Mayor Zaragoza sobre a Cultura da Paz, un José Manuel González Herrán sobre Emilia Pardo Bazán e as óperas wagnerianas ou un Emilio Pérez Touriño sobre a reforma do Estado e as autonomías.

Do meu particular agrado foron os artigos asinados por un banda por Xesús Alonso Montero e doutra por Francisco Rodríguez. O primeiro por debruzarse sobre un persoeiro que entendo clave na historia da literatura e o galeguismo do pasado século, o laurentino Francisco Fernández del Riego. O segundo por ocuparse da curiosa conexión textual que vencella dúas das escritoras máis fascinantes e xeniais do século XIX en Galicia e España: Concepción Arenal e Rosalía de Castro.

O artigo de Alonso Montero ofrece un perfil biográfico de Fernández del Riego que percorre a vida deste dende os tempos da República ata mediados dos sesenta da pasada centuria. Coa acuidade que o caracteriza, o profesor Alonso Montero lévanos da man por eses intensos anos que viron mudar a política e a sociedade española (República-Guerra Civil-Ditadura) para tracexar o retrato dun Del Riego entregue á causa democrática e galega, promotor incansable de plataformas a prol da terra, cidadán comprometido politicamente na Preguerra e esforzado estratego na clandestinidade da primeira Posguerra para que non crebase o cordón umbilical da tradición galeguista nos escuros anos da barbarie franquista.

O relato —moi ben contado, solidamente documentado— interrómpese a fins dos 60, con promesa por parte do autor dunha continuación nunha vindeira entrega que ficamos a agardar.

Pola súa banda, Francisco Rodríguez dedica a súa atención a unha súa conterránea, Concepción Arenal, póndoa en relación con Rosalía de Castro para ver ata que punto as súas visións de España e Galiza, e a súa concepción da estrutura do social en sentido amplo, son complementarias entre si e diferentes ás que sostiña unha outra célebre dese século, Emilia Pardo Bazán, quen tamén asoma puntualmente no artigo de Rodríguez, unha moi suxestiva análise comparativa entre textos de Arenal e Rosalía publicados tanto el libro (Cantares gallegos fronte a La Voz que clama en el desierto) coma en prensa (na contraposición dun poema ao político liberal Salustiano Olózaga Almandez publicado por Arenal en 1866 en La Iberia e outro dedicado por Rosalía ao mesmo personaxe en La Soberanía Nacional dese ano).

FerrolAnálisis volve sorprendernos ledamente con este número, facendo máis grande unha andaina que a confirma como unha das revistas referenciais desta hora entre nós. Haberá que facer votos para que o siga sendo por moito tempo.

         [El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 9-3-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura galega e etiquetada , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.