Os territorios poéticos de Ramón Sandoval

Coñecía a poética do lucense de Sober Ramón Sandoval (1961) mercé ao galardón que obtivera no 2012 pola escolma versal “Cicatrices do insomnio” no I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo, un conxunto no que amosaba a súa innata capacidade para sorprender a través da emoción pola palabra. Souben, ledamente, que no pasado setembro vira recoñecido o seu talento ao ser galardoado no VI Certame de Poesía Victoriano Taibo que convocan, conxuntamente, a Entidade Local de Morgadáns e mais o Instituto de Estudos Miñoranos.

O volume co que alcanzou tal premio leva por título Territorios estraños e resulta un atractivo compendio entre a lírica do cotián e a poética do amoroso partillado en tres amplas seccións de suxestivo nome: “Interferencias”, “De amores e ausencias” e mais “Principios de incerteza”.

Nos versos de Sandoval hai sempre un aquel retranqueiro, un descremento irónico que xoga coas referencias máis actuais (ao mundo da televisión ou da internet, por exemplo) para alternalas con outras alusións cinematográficas, musicais e literarias que compoñen un retallado de humor desmitificador e paródico.

No rexistro amoroso comparecen os lugares comúns adoitos, que o poeta revisita con gozo renovado, facéndonos partícipes dun canto celebrativo e paixonal no que o ser amado se amosa, como cómpre, fascinante e deigoradamente desexado.

Valiosa achega a destes Territorios estraños de Ramón Sandoval, primeiro poemario en galego dun autor que en castelán se dera a coñecer con Como una lluvia (1990) e do que figuraban textos en diversas antoloxías que preanunciaban ese poeta que agora comeza a andar con prometedor camiño por diante.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Os territorios poéticos de Ramón Sandoval

  1. Ramón Sandoval di:

    Agradecido por estas verbas. Gustei que che gustara.
    Apertas

Os comentarios están pechados.