Para máis saber de Isaac Alonso Estraviz

Con independencia da opinión respecto das escollas normativas de cada quen (as miñas están claras, non cómpre máis que ler), coido de interese a lectura do volume Conversas com Isaac Alonso Estraviz no que o profesor Bernardo Penabade mantén unha longa conversación co lexicólogo de Trasmiras na que se fai un repaso demorado ao que foi a súa peripecia biográfica e profesional.

Publicado por Através Editora, este libro de diálogos entre Alonso Estraviz e Penabade ofrece datos pouco coñecidos sobre o labor docente, asociacionista, dinamizador e mesmo político deste estudoso do léxico lusogalego autor dun dos dicionarios máis coñecidos na área lingüística galego-portuguesa que, na súa máis actualizada versión, pode consultarse en Rede.

Quen queira saber da circunstancia da súa exclaustración de Oseira, das relacións que mantivo con personaxes como Celso Emilio ou Díaz Pardo, do papel que xogou en plataformas como Lóstrego ou a Irmandade Galega en Madrid, do destacado do anosamento dos textos relixiosos católicos que veu da súa man e de moitos outros episodios cruciais dos que foi protagonista faría ben en achegarse, despreixuizadamente, a este Conversas com Isaac Alonso Estraviz de Bernardo Penabade, valioso documento do que cada lector deberá de tirar as súas propias conclusións.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.