Diario DC: Sombras radiantes y otros poemas

A Editorial Eneida, un dos selos máis prestixiosos no concerto estatal, sempre sensible á cultura e literatura galegas, pois non en van o seu director, Luis Sotuela Guntiñas, é lucense de cor, acaba de publicar o volume Sombras radiantes y otros poemas, de Xosé María Díaz Castro.

Deixo, a seguir, uns extractos da contracuberta do libro e do cabo da introdución onde se sintetiza o espírito que animou este proxecto que botamos a andar Luís González Tosar e mais eu.

Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, Lugo, 1914-Lugo, 1990) é un dos poetas máis importantes e singulares da literatura en lingua galega do século XX. A súa voz é considerada a dun clásico, e o único poemario que publicou en vida, Nimbos (1961), un libro admirado polo lectores de moi diversas xeracións.

Díaz Castro foi tamén un autor de expresión castelá. Esta obra reúne o máis representativo da súa produción nesta lingua coa intención de presentar un autor á marxe das modas, posuidor dunha voz inconfundible.

Nestas páxinas o poeta interrógase polos sentidos, tenta a escuras o seu camiño na procura da luz e é consciente das sombras que o rodean. O seu é afondar nunha estética humanista na que as cousas se nimban a través do canto e adquiren unha realidade superior grazas ao fulgor que irradia a palabra.

(Contracuberta)

O universo poético de Xosé María Díaz Castro seguiría incompleto sen esta contribución na que tratamos de ofrecer unha parte substancial do seu talento creativo. Estamos convencidos de que este era o momento.

(“Introdución” de Luís González Tosar e Armando Requeixo)

Esta entrada foi publicada en Literatura en lingua castelá e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.