Filosofía primípara

Leo Maternosofía de Inma López Silva e volvo mergullarme no líquido amniótico dos días prenatais. A escritora de Santiago fixo do seu embarazo materia literaria e achéganos, en algo máis de cento e medio de páxinas, a súa particular visión dun tempo e unha circunstancia con certeza singulares.

Maternosofía ou o embarazo da escritora primípara, velaí o título completo da obra, vai degraendo en capítulos breves todo ese transo vital tan característico que supón a xestación para a protagonista e aqueles que a rodean. Desde ese punto de vista, o libro interesa por igual tanto a quen se atope en semellante circunstancia coma a quen xa a viviu e quere rememorala e mesmo a quen nin a experimenta nin a experimentou, pero ten interese en achegarse a tal realidade dende os ollos de quen a coñece de primeira man.

Iso si, antes de comezar a lectura é preciso saber que López Silva ten unha xenuína comprensión da maternidade, algo que decidiu probar non ao ditado do “reloxo biolóxico, nin o amor infinito, nin o medo á soidade”, senón porque tivo unha “revelación ante un posíbel futuro de adversidades” e visualizou no seu maxín “dores mitigadas ante a presenza do meu home e os nosos fillos, en forma de familia” (p. 24).

Canto á descrición das mil e unha circunstancias que a xestante ten de atravesar, cómpre advertir que López Silva non pretende pasar por ningún modelo de interpretación máis ou menos obxectiva dos feitos, pois advirte en diversas ocasións que é “unha hipocondríaca de alto calibre” e unha “aprehensiva declarada” (p. 118, mais tamén 24, 113 e 165), o que debe terse presente para a validación das opinións vertidas.

Como López Silva imprime sempre ao xénero confesional e memorístico o seu inequívoco selo (abonda con ler New York, New York para entender o que escribo), tampouco pode afirmarse que sexa a autora ecuánime nin respectuosa en moitos dos xuízos, pois é evidente que esta non era a súa pretensión. O anterior explica por que en Maternosofía hai tamén un relato paralelo de afirmación partidista, no que comparece Compromiso por Galicia en non poucas ocasións (dende a primeira páxina, a 23, pasando pola 28 ou a 33 e seguintes) e se xulga negativamente o PP e todo o que del vén (así nas planas 39 e 42).

E se no político é transparente López Silva, non o é menos cando ten que xulgar certas xestantes que teñen ideas diferentes ás súas. Por exemplo: as mulleres que ela define, con “indignación”, como “as da Seita (sic) da Teta Fóra”, defensoras da lactancia materna que ve como unha “tendencia neonaturalista” que converte as nais en “escravas da maternidade” (p. 92). Do mesmo xeito, a escritora non cre defendible certo tipo de partos, como o das que prefiren facelo na auga, pois ante tal posibilidade non dubida en afirmar que non pensa “parir na auga (que noxo)” (p. 120).

Mais independentemente da coincidencia ou non coas ideas de López Silva e de que poidan semellar máis ou menos incisivas as súas posturas, o que está claro é que, como na propia contracuberta deste libro se anuncia, Maternosofía foi escrito “cunha linguaxe coloquial”, por iso “o texto flúe ameno, enxeñoso, burlón”. E así é, pois hai moitos treitos onde é perceptible ese ton coloquial, mostra dun fraseo oralizado que refuga as solucións alambicadas no estilístico.

Maternosofía é un diario que se presenta na contracapa como “realista, lúcido, reflexivo”, unha opinión que tamén sostén Malós Cabrera, autora do amplo prólogo, para min do melloriño do libro, pois nel ofrece unha interesante síntese dos seus contidos ao tempo que o vencella a outras narracións galegas que abordaron idéntica temática.

Convén ler esta nova proposta literaria de Inma López Silva, escrita dende unha primeira persoa que experimentou con intensidade os feitos relatados e nos convida agora a contrastar vivencias e/ou pareceres co oficio e a ironía de quen sabe que “a maternidade, efectivamente, é algo marabilloso, pero non indescritíbel”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 6-4-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.