A beleza luminosa de Díaz Castro

Desconfío por sistema das interpretacións unívocas en calquera orde da vida, canto máis no que atinxe á lectura literaria dos creadores. Arrogarse a exclusiva hermenéutica na decodificación biopoética de calquera creador non conduce a ningunha parte, pois estou convencido de que un escritor é grande xustamente cando a súa obra é quen de ser analizada desde ancos diversos que dean como resultado explicacións complementarias da mesma.

Por descontado, os versos e traxectoria do guitiricense Xosé María Díaz Castro —a quen nesta altura celebramos coa dedicatoria do Día das Letras Galegas nun ano que é tamén o do seu centenario— non escapa a esta norma, pois as composicións de Nimbos e, en xeral, toda a súa produción é susceptible de ser interpretada á luz de moi diferentes ópticas.

A ferida da beleza en «Nimbos» de X. M. Díaz Castro, a monografía que asina Segundo Leonardo Pérez López e publica o Instituto Teolóxico Compostelano, é unha boa mostra do que escribo. O achegamento que o deán da catedral de Santiago fai á figura do autor aliméntase dun humus analítico que chanta as raiceiras na Teoloxía sen descoidar as ferramentas prospectivas da Filosofía e mesmo en ocasións doutras disciplinas afíns. O resultado é un volume conceptualmente moi elaborado no que se fai un repaso exhaustivo a moitos dos aspectos definitorios dunha poética que ten no religacional, o transcendente e aínda o místico moito da súa cerna.

Mais o libro de Pérez López, que conta cun longo e revelador prólogo de Ramón López, non só ofrece fondas reflexións a propósito do teolóxico e o poético, senón que tamén ten presente o compoñente paisaxístico e biográfico, a súa posible adscrición a grupos ou escolas literarias e mesmo a importancia da pegada mindoniense no formación e débedas culturais do escritor.

O corpo central do libro ocúpao o estudo do xenuíno humanismo poético diazcastriano, que bebe, sempre segundo Pérez López, dunha hibridación que recolle por igual a cosmovisión de Teilhard de Chardin e o influxo de Rilke. Neste sentido, a pregunta central que tenta responder a obra é a de se é ou non posible falar dunha teoloxía propia a partir dos textos de Díaz Castro, por iso analiza o xeito no que os versos do dos Vilares procuran a verdade e a beleza como bens supremos desa singular teoloxía, na que tamén ten cabida a concreción da beleza eterna compostelana.

O traballo de Pérez López enriquécese cunha ampla bibliografía final na que figuran os principais estudos arredor da vida e a escrita do guitiricense, así como tamén cun exhaustivo e moi útil índice de nomes citados ao longo do libro, que facilitan a súa consulta e a localización dos autores e teorías sostidas, revisadas ou aproveitadas nestas páxinas.

O derradeiro dos apartados, “Non quixera rematar”, fai un acaído balance das lecturas interpretativas propostas, ás que amece dous textos poéticos en homenaxe ao escritor, un deles un fermoso e coñecido soneto de Manuel María e o outro unha composición do propio Segundo Leonardo Pérez López, que dá cabo ao seu ensaio cuns versos que se reafirman na bondade da vida, na luz que a preside e na bondade que dende o transcendente emana.

A ferida da beleza en «Nimbos» de X. M. Díaz Castro é unha obra de grande interese, redactada por un bo coñecedor dos versos do escritor e moi ben arroupada pola vizosa bibliografía técnica á luz da cal son interpretados os poemas do autor. Unha publicación pola que Pérez López merece aplauso e que de seguro ficará como un dos ensaios de valía deste Ano Díaz Castro.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 11-5-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.