O poeta Eloy Luis André

A figura de Eloy Luis André (1876-1935) segue a ser, para a maioría, a dun (semi)descoñecido que mal se aparece referenciada nalgunha nota a pé en historias e manuais, cando non obviada. Mesmo na súa faceta de filósofo, na que chegou a ser en vida unha figura de notable repercusión, ten pasado relativamente desapercibida e, senón fose polos impagables traballos de Ramón López Vázquez, quen leva vinte anos profundando na súa biobibliografía, apenas se saberiamos ren deste persoeiro que moito cómpre (re)descubrir.

E se o que escribo é  comprobable para o Eloy Luis André filósofo, moito máis o é para outras dimensións da súa escrita, por exemplo a poética, da que case noticia se tiña nin sequera para os máis altos exploradores literarios.

Por todo o anterior considero que un volume como a súa Poesía galega que editou, estudou e anotou César Camoira Vega para a colección Láncara do Centro Ramón Piñeiro, é unha obra non só necesaria, senón imprescindible para recuperar unha voz que, alén de consideracións intraliterarias ás que logo me referirei brevemente, constitúe unha achega máis ao patrimonio da escrita galega dun tempo, o do primeiro terzo do século pasado, no que a nosa literatura estaba a experimentar unha intensa renovación e afianzamento.

Poesía galega reúne trinta composicións de Eloy Luís André en dous grandes bloques: un no que se recollen os textos datados (que van de 1910 a 1930) e outro cos que non ofrecen indicación cronolóxica. O conxunto presenta un mostrario amplo de temáticas e asuntos entre os que salientan os textos de sensibilidade cívica (onde o rexeneracionismo krausista no que se aliñaba o autor se deixa notar no tratamento de cuestións problemáticas como o caciquismo ou a emigración), as composicións máis persoais e intimistas (amorosas, principalmente) e as poesías nas que se leva a cabo unha defensa da lingua.

Estes versos de Eloy Luis André, nos que o hilozoísmo sobrevoa aquí e acolá e as tinturas espirituais e relixiosas tamén comparecen, non esquece presentar os seus respectos ás grandes figuras do XIX (nomeadamente Rosalía e Curros, tamén certo Pondal) e trufa a escrita con alusións a outros autores de relevo como Lamas Carvajal, Vesteiro Torres ou Dato Muruais.

Canto ao traballo de presentación e estudo dos textos levado a cabo por Camoira Vega, debe destacarse a pormenorizada análise lingüística dos mesmos, tamén a completa sinopse biográfica do escritor e a exhaustiva bibliografía final, complementados polos apuntamentos paratextuais e pragmáticos, retóricos verbo dos poemas.

Este libro aínda se enriquece cun apéndice de “Prosa varia” no que se integran cinco artigos de diversa temática, que van dende o debate político do federalismo ata asuntos de infraestrutura educativa ou índole literaria.

Oportuna publicación, pois, esta Poesía galega de Eloy Luis André disposta por César Camoira Vega, un volume que haberá que confiar en que axude a paliar o descoñecemento sobre unha figura digna de memoria, que a través desta publicación incorporamos ao elenco de poetas do primeiro terzo do século XX que, aos poucos, vai agrandando así o seu fulgor.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.