Os mundos outros de Lur Sotuela

Estes días acompañoume a lectura dun máis que entretido libro de relatos: Alucinario de Lur Sotuela, conxunto de suxestivas historias publicado pola editorial madrileña Eneida que revela a voz dun narrador atrapado pola maxia do ultrarreal e a capacidade de abrir a escrita aos espazos do insólito e inexplicable.

De Sotuela, escritor de ascendencia galega, apenas se sabía do seu labor como editor da excelente El invisible anillo, revista que no 2012 publicara un valioso monográfico dedicado á nosa literatura con estudos de Arcadio López-Casanova, Carmen Blanco ou Carlos Clementson e unha ampla escolma de textos de toda época en edición bilingüe.

Vexo agora lendo a lapela que acompaña Alucinario que a súa creatividade se desborda por igual nos eidos do guión e a curtametraxe, tamén nos da poesía visual e a fotografía conceptual e, xaora, nos da poesía convencional, onde ten asinado títulos como La espada rota (2009), En la movilidad de un tiempo esquivo (2009), La rebelión de las letras (2010), Crónicas de lo imposible (2011), Los espejos salvajes (2012) e Los Cantos de Lorelei (2013).

Chego, pois, a Alucinario para descubrir vinte e cinco relatos nos que predomina o elemento fantástico nas súas máis diversas manifestacións, dende o preternatural ata o futurista, da ficción científica ao terror psicolóxico pasando pola inmensidade dos mundos outros. Así, van comparecendo por estas páxinas os invasores espaciais (“Reino y conquista”), os seres bicéfalos (“El segundo rostro”, tan próximo ao risquiano “La verídica historia del niño de dos cabezas de Promonta”), os monstros dos abismos (“Rara pulpis”), os animais diabólicos (“Yanko”), as reencarnacións máxicas (“El druída”), os labirintos infinitos (“Extraviado”), as ditaduras do robótico (“Reflejos de una pantalla”) e outros motivos adoitos no xénero, como o diluvio universal (“El susurro de la ola”), a pedra filosofal (“La llave”) etc.

Como era de agardar, son moitas e moi variadas as influencias que acusa Sotuela, principalmente dos mestres do xénero estadounidenses, mais tamén dalgúns outros nomes maiores como Borges, Poe ou Lovecraft, por citar só algúns.

Posuidor dun estilo adxectivalmente adensado, dono dun período mesto de imaxinería clásica, Lur Sotuela demostra en Alucinario que non hai mellor que unha boa historia de intriga e fascinio polo descoñecido para facernos pasar un bo anaco acompañados da lectura que, neste caso, se viste coas suxestivas ilustracións de Alfredo Montaña, outro aliciente para perderse nestas páxinas impecablemente editadas por Eneida na súa colección Confabulaciones.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 13-4-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua castelá e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.