A illa de Moebius

O escritor que un quere ser e o que os lectores recoñecen. A vontade autorial fronte á aceptación comunal. Nesa encrucillada habita Luís Rei Núñez, narrador recoñecido e aplaudido pola crítica que, porén, ten manifestado en máis dunha ocasión que se sente, ante todo, poeta. Un poeta que publica novelas e relatos si, que entende esa súa outra escrita como unha parte tamén inseparable do seu ser literario, mais, no fondo, unha segunda pel, baixo a que latexa o animal de versos que este coruñés de crianza muradá é.

Así definida a súa circunstancia como creador non debería estrañar que fose a poesía o eido no que se estreou como escritor Rei Núñez en 1982, vinte e catro anos que viron agromar Para matar ao tempo, obra primeira tras da que viñeron Arca dos faiados (1985), A rolda invisible (1988), A casa na brétema (1994) e Alma mareira (2003).

Regresa agora Rei Núñez ao verso con Estrela do norte (colección Tambo, Faktoría K, 2014), un libro singular por canto recolle materiais de anteriores traballos seus, que foron aquí revisitados e reescritos ata darlles nova e moi diversa forma, textos aos que se sumaron naturalmente outras composicións creadas para esta obra.

O resultado é un volume amplo, dividido en cinco seccións e que supera o medio centenar de composicións, varias delas agrupadas en series, conseguindo unha arquitectura trabada tanto dende o estilístico coma dende o temático.

Hai nos versos de Estrela do norte vectores que ordenan o universo poético e conceden unidade ao conxunto. Un deles é o constante diálogo con outras voces líricas da nosa tradición e de espazos alleos. Rosalía, Pimentel, Iglesia Alvariño, Manuel Antonio, Álvarez Torneiro ou Díaz Castro, por citar só algúns nomes significados, conviven con Lorca, Eliot ou Whitman nunha camaradería literaria que inza os poemas de citas en homenaxe.

Doutra parte, tamén é un poderoso vector de forza o emprego de solucións versais que asentan na métrica de longa tradición, o emprego de xogos de rimas e estrofas ben definidas, que tanto aceptan o hendecasílabo de gaita galega coma o soneto amais moitas fórmulas de rítmica pautada, que achegan á materia creativa unha musicalidade evidente.

Tamén si, espazos temáticos como o mundo da infancia, os eidos do amoroso ou o intimismo radical e reflexivo acompásanse nesta Estrela do norte cunha dicción en non poucas ocasións de ambientación mareira, evocación nostálxica e pulo elexíaco.

Alalás, poemas sobre o cinematográfico, nenias en recoñecemento e mesmo acrósticos alternan entre cartas mariñas, bivaques de memoria e cómputos vitais nun estourar de suites, sonatas e muiñeiras que tenta atrapar os acordes e as estridencias dunha vida ora harmónica ora cacofónica, unha auténtica banda de Moebius onde todo vai e vén nun bucle complexo, espiral e labiríntico no que todos precisamos dun astro nordestino, unha Polar que nos guíe nesta noite da experiencia na que a procura dos diamantes que fulguran no escuro xustifica o vivir.

Estrela do norte, escrita de alento clásico e inusitada intensidade que nos lembra que hai en Luís Rei Núñez un poeta a considerar.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 10-6-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.