A brincar con Paco Nogueiras

“Quero ser Rosalía de Castro,/ das súas fontes quero beber./ Ou Ferrín, coas súas Magnolias,/ ou Novoneyra e o seu Courel./ Quen me dera ser Curros Enríquez/ e chorar cos Pinos de Pondal,/ as Verbas de María Mariño,/ con Cabanillas un poema cantar./ Falar co Merlín de Cunqueiro./ Ser querido como é Castelao./ Ter Memoria como Neira Vilas/ e con Fole ler xuntos da man./ Cantar catro con Manuel Antonio./ Celso Emilio, na noite voar./ Ver con Dieste os Arquivos do Trasno./ Manuel María e os soños ceibar”.

Quen así canta é Paco Nogueiras nun dos seus temas do libro-cd-dvd Brinca vai!, que chega ao mercado dun selo sempre innovador: Kalandraka.

Brinca vai! non é un disco convencional. É un proxecto literario-musical no que o ludismo e o didactismo se dan a man para recrear todo un mundo de celebracións tradicionais a carón de temas importantes para a vida de noso como a ecoloxía ou a fraternidade universal.

Lonxe, ben lonxe, desas propostas pedagóxicas nas que o rigor dos deseños curriculares base todo o afogan, Nogueiras proponnos unha ducia de temas divertidísimos, musicalmente moi atractivos, que mesturan ritmos ben variados (reggae, rap, tecno, rock, pop, música electrónica, mesmo toques folk e tradicionais) para conseguir atraparnos dende a primeira nota e mergullarnos nun espazo para a ledicia colectiva, a ilusión por vivir e por cantar e brincar.

Por se non abondase, Brinca vai! contou coa inestimable axuda de David Pintor, responsable das magníficas ilustracións que acompañan o libro, e mais o Sr. Sagüillo (José Miguel Sagüillo), quen se responsabilizou da produción do dvd anexo que contén videoclips dos diversos temas do cd.

Todos os temas de Brinca vai!, compostos e arranxados polo propio Nogueira, son un excepcional material para o traballo na aula nunha franxa de idade que, por baixo, é idónea a partir dos seis-sete anos e, por riba, pode moi ben alcanzar os once-doce. Escribo ‘idade idónea’ á mantenta, pois calquera (neno ou adulto, do mundo do ensino ou non) pode achegarse a esta proposta e gozar con ela plenamente, xa que os ritmos son tan variados e contaxiosos que en poucos segundos un ha de se atopar prendido deles.

Brinca vai!, como produto, engade aínda outros extras moi apetecibles: uns textos de presentación de Juana Vázquez Silva e Manuel Cortés; as letras das cancións ilustradas por Pintor; unha entrevista co propio Nogueiras dando conta da orixe e elaboración da obra; consellos do Sr. Sagüillo para realizar novos videoclips sobre os temas e incluso un apartado final explicativo dalgúns “Segredos do Brinca vai!”.

Moi divertido, emocionante e optimista, este Brinca vai! é unha descarga músico-literaria de alta voltaxe, un lóstrego de ledicia polo que deixarse acompañar, porque non se pode renunciar á alegría de vivir, e menos se, como Paco Nogueiras nos lembra, podemos gozala en galego, coas nosas escritoras e escritores, as nosas celebracións e toda a nosa cultura. Aí o é.

 a           

Esta entrada foi publicada en Música e literatura galega e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.