O silencio cósmico de Compostela

Xavier ou Paco Carro, pois de ambas as dúas formas asina este santiagués do 42, é autor que sabe ben que o bo se fai de rogar. Se cadra por iso levaba máis de corenta anos sen dar ao prelo un volume de ficción, pois o memorable As calexas do cigurath vira luz en 1973 e, dende aquela ata hoxe, apenas se dera a coñecer algún que outro relato en revistas e volumes colectivos.

Precisamente por iso, a aparición de Tempo ordinario (Historias de Compostela) debe apreciarse como a contribución dunha voz literaria que, lonxe da vertixe acelerada dos nosos días, opta polo pan da palabra forneado devagar.

Carro enriquece a súa traxectoria de narrador con medio cento de minirrelatos nos que, alén da natural diverxencia das tramas, o protagonista último é un cronotopo tan caro como próximo ao autor: o Santiago da Posguerra, un mundo ben característico que contemplou a súa infancia, adolescencia e mocidade.

Tempo ordinario, por tanto, oscila entre o (auto)biográfico —moi acusado sobre todo nos primeiros relatos do libro— e o propiamente ficcional, que, en todo caso, aparece sempre ganduxado nun tapiz do experiencial testemuñado ou sabido de primeira man, que engade ao conxunto non só verosimilitude interna, senón extraordinaria viveza.

As rúas, os centros de ensino, os personaxes estrafalarios, os lugares prohibidos, as celebracións, os costumes e, en fin, as máis cotiás e a un tempo singulares vivencias dunha Compostela que xa non existe pero que marcou toda unha época é o que recupera nos seus textos Carro, prosas estilisticamente moi elaboradas, cunha pátina melancólica que o impregna todo e consegue que os períodos breves e esmerilados que compoñen este retábulo compostelán ardoren nun fondo de brasas contra a noite das lembranzas.

Hai, certamente, narracións cun aquel de anecdótico inxel que se resolven apenas nunha humorada ocorrente, mais a maioría dos minirrelatos estruturan historias vigorosas, con personaxes que se nos presentan co fascinio do insólito, arrastrando a trama a un final en plenitude, todo orlado dun finísimo enxeño para a creación de situacións inagardadas que conseguen imantar a atención do lector.

O amor, o paso da infancia á adolescencia ou o recordo de familiares e amigos alternan nestas entregas con xentes xenuínas que defenden o valor da análise psicométrica, a conveniencia da man de obra simiesca ou a infalible arte ‘zahorí’, deliciosos despropósitos que non fan senón adornar este teatro da vida pasada que é Tempo ordinario, un territorio de sombras doutrora que faíscan na memoria do narrador para cobrar nova (e soñada) existencia no papel.

Os que se animen a se facer con este libro de relatos de Carro deben saber que aínda hai outra agradable sorpresa agardando por eles: as ilustracións da pintora Soledad Pite, responsable das imaxes da cuberta e interiores, que captan inmellorablemente a esencia da cidade evanescente que escoa polas físgoas das prosas de Carro. Son visións dun espazo case extático, atemporal, que aboia nese mar de pedra e solpor que tan ben soubo retratar Carro para nos devolver, intacto, todo o silencio cósmico de Compostela.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 15-6-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.