Pasando revista a Díaz Castro

Acaban de se publicar novas entregas das revistas Amencer de Mondoñedo e A Xanela de Betanzos. Non é a primeira vez que me ocupo aquí destas cabeceiras, mais nunca antes o fixera conxuntamente. A razón que agora me move é a feliz circunstancia de que ambas as publicacións coincidan na dedicatoria dos seus novos números á figura de Xosé María Díaz Castro.

En efecto, Amencer, como xa fixera na anterior entrega, centra este número 226 (que podedes ler na páxina web da Diocese Mondoñedo-Ferrol) na poética do guitiricense, como anuncia a propia cuberta e o seu collage de fotos diazcastrianas sobre as que se le o rotulado ‘2014 Ano de Díaz Castro’. No interior, alén de seccións como “A xeito de cancela” ou “Faise saber…”, nas que as novas sobre o escritor están tamén moi presentes, salienta o longo e elaborado artigo de Manuel Regal Ledo titulado “Díaz Castro: Nimbos, un itinerario espiritual crente, laico”, traballo no que o ensaísta e tamén poeta radicado en Abadín realiza unha moi atenta e argumentada lectura en clave transcendente dos versos do escritor da chaira luguesa.

Da súa parte, a presenza diazcastriana no exemplar de primavera da revista A Xanela, que con esta entrega alcanza xa o número 37, é tamén transversal. Non só porque nela se descubran poemas dedicados como o titulado “Nimbos (Díaz Castro)”, asinado por Xosé Otero Canto, ou porque a súa portada recolla unha foto do tempo no que o autor se fixo cos Xogos Florais daquela cidade, senón, principalmente, porque a sección “Festa das Letras” lle está dedicada por completo. Nela incluíuse unha ampla escolma de versos de Nimbos e mesmo o texto autógrafo de Manuel María “A Xosé María Díaz Castro”. Mais tamén deben subliñarse os artigos de Xulio Xiz “Entra no meu soneto, betanceira” e “As cancións de Díaz Castro resoan dende Betanzos” de Alfonso Blanco Torrado, dous excelentes coñecedores da obra do de Guitiriz. Xiz realiza un demorado repaso á súa relación co escritor, tanto na vertente do trato persoal coma das entrevistas e traballos que a el consagrou. Pola súa banda, Blanco Torrado leva a cabo un varrido da súa escrita destacando nesta aqueles aspectos que o vencellan coa Cidade dos Cabaleiros. A ambos os dous me sumei co traballo “Díaz Castro e Betanzos”.

Cómpre, pois, agradecer a oportunidade de Amencer e A Xanela, cabeceiras de longa e aplaudida traxectoria, que tiveron o acerto de espellar nas súas páxinas a celebración do Ano Díaz Castro.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.