Jogo bonito

A literatura de Juan Tallón é unha sinfonía de Maracaná: importa o escenario grandioso, a afección nas bancadas a sambar, o locutor que percute sonoro e entusiasta. O resultado é unha engádega, porque o que verdadeiramente conta é o jogo bonito, ver como Tallón canea unha subordinada, como cruza un pase de sesenta metros para deixar o balón da escrita cravado ao pé dunha ironía ou unha frase trunca, comprobar que a definición da oración se resolve nun Panenka e que unha cita a tempo é o máis letal pase da morte.

E velaí o adestrador de Vilardevós escribindo un Manual de fútbol que, como anuncia dende o subtítulo, é ‘Un libro fuera de juego’. Éo, con certeza, pois, como el mesmo confesa nalgunha das súas páxinas, “en realidad, cuando hablo de fútbol, casi nunca acostumbro a hablar de fútbol”. Dito doutro xeito: esta é unha obra para aqueles aos que non lles interesa tanto este espectáculo como a épica sociolóxica que xera. Dende ese punto de vista, a casa editora, Edhasa, aborda un imposible: facer atractivo un libro arredor e non sobre o fútbol —ollo, aquí o adverbio é esencial—. E aí está a aporía: ¿como conseguir que xente que, de primeiras, non está interesada en nada que teña que ver co balompé conceda o beneficio da dúbida a unha obra que, dende a cuberta, se anuncia como Manual de fútbol? Aínda máis: ¿como lograr que o seareiro tipo —que non le máis que os xornais deportivos e, como moito, os anuarios estatísticos sobre o asunto— merque un libro no que, amais, o fútbol é unha escusa para falar da vida, iso que o afeccionado obsesivo non comprende fóra da contemplación e a vivencia belicosa do encontro dos domingos?

Pero Juan Tallón é un tipo inasequible ao desánimo. E tal parece que conseguiu contaxiar aos seus editores, que arriscan con este libro de fórmula tan secreta coma a de certa bebida refrescante; aí a está: (meta)literatura + humor + filosofía + memoria prodixiosa e, se acaso, unhas gotas de fútbol = Tallón en epifanía gloriosa.

O demais é, xaora, pre, peri e paratexto, sobre o balón, a portería, a área, o córner, a bancada, o vestiario, a indumentaria, o gol, a falta, o penalti, a tarxeta, o fóra de xogo, o tempo regulamentario, o resultado ou a crónica, tanto ten. E non cómpre procurar escusas: ler aquí a Tallón pasa por deixar a un lado calquera preconcepto sobre o tema para descubrir, de socato, que o fútbol pode chegar a ser tan fondo e interesante coma outras realidades tamén perfectamente (sobre)valoradas; nas súas palabras: “hay cosas en la vida más importantes que el fútbol, por ejemplo el sexo, Twitter o los sándwich de Nocilla, te dices para animarte”.

Recomendo a lectura deste Manual de fútbol a apocalípticos e integrados, tirios e troianos, eurovisivos e intereconómicos. Sorprenderá a todos pola finura do seu humor, a capacidade de recreación mítica, o lirismo latexante dalgunhas pasaxes (o capítulo dedicado ao gol é todo un poema) e aínda a prodixiosa ventura de casar a Hegel e Juanito, Kant e Pujol, en fin, o Cholo e Marylin, dúas pingas de auga.

Mais desconfío de que esta recomendación miña teña moito éxito. Supoño que nisto ao crítico lle sucede ao que o periodista, como ben lembra Tallón: “a los periodistas (tamén aos críticos, insisto) les gusta morir de vez en cuando, si la ocasión lo merece. Hay días —sólo días— que con esa pasión tan suya por el suicidio, te hacen recordar a Elías Cannetti, cuando confesaba con satisfacción que ‘yo jamás he cobrado un salario. Mi mujer me lo prohibió. Me convenció de que no debía perder tiempo ganándome la vida, que debía escribir y nada más. Siempre fui pobre, en todo caso modesto. Pero nunca lo lamente’.” Pois iso. Morramos digna e pobremente, sen ser atendidos.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 6-7-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua castelá e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Jogo bonito

  1. Martín Fernández di:

    Ola Armando:
    Cheguei ás anteriores obras de Juan Tallón grazas ás túas críticas e recomendacións, así que haberá que botarlle o dente tamén a esta, non? E por riba son futboleiro (máis ben celtista impenitente), así que razón de máis…
    Saúdos.

    • Ola Martín: Alédame saber que as miñas recensións che foron útiles para descubrir un autor que moito merece ser lido. Estou seguro de que este novo libro non te defraudará, pois atoparás nel todos os sinais de identidade que caracterizan a escrita de Tallón. Boa lectura e graciñas por deixar aquí o teu comentario!

Os comentarios están pechados.