O día que Díaz Castro regresou a Madrid

Nada novo digo se lembro, máis unha vez, que a comunidade galega residente en Madrid leva décadas sendo unha das máis amplas e importantes da diáspora de nós. A intensa actividade que toda unha pléiade de asociacións, centros e casas galegas desenvolven naquelas terras confirman o que digo.

Foi precisamente a petición dunha das máis recoñecidas plataformas das que falo, a Federación de Asociacións Galegas de Madrid (FAGAMA), que o pasado sábado tiven a fortuna de me poder dirixir ás galegas e galegos da capital do Estado nun acto que tivo lugar na Casa de Galicia. Ás doce do mediodía, e tras a recepción na que actuou o Grupo de Gaitas Xuntanza de Alcobendas, impartín a conferencia ‘Xosé María Díaz Castro: unha viaxe circular’, na que tiven a oportunidade de achegar aos asistentes algúns dos principais socalcos da biobibliografía diazcastriana.

Acompañáronme na mesa de oradores o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, Xosé Ramón Ónega López, conterráneo de meu como oriúndo das terras de Pol, quen me honrou presentándome con moi gabanciosas palabras.

Tamén antes e despois das miñas palabras interviron Ovidio Cadenas Queipo, presidente de FAGAMA, e mais Fernando Gómez Rodríguez, secretario da mesma. O primeiro congratulouse polo evento e agradeceu a axuda prestada a FAGAMA pola Casa de Galicia como institución que, amablemente, cedía o espazo para a actividade, a primeira que se celebrou en fin de semana en toda a súa historia. O segundo foi o encargado de presentar, moi documentadamente, a traxectoria de Uxía Senlle e mais Sérgio Tannus, quen actuarían tras a miña alocución.

Debo dicir que, segundo despois me confesou o propio Ónega López, o acto foi o primeiro que se desenvolveu integramente en galego naquela sala de principio a fin, pois o habitual é a alternancia bilingüe. Mais a xenerosidade dos non poucos asistentes non galegos obrou o milagre e o público foi quen de seguir a intervención atentamente.

O peche musical do acto puxérono, como avancei, os amigos Uxía e Sérgio, quen ofreceron un breve concerto, ‘Meu canto’, no que nos agasallaron cun repertorio que incluíu a musicación dalgúns temas da tradición oral e outros nos que vibraron as letras de Rosalía, Curros ou Manuel María. A actuación de ambos os dous foi brillante, intensa e moi sentida, sendo arroupados polo público asistente con fortísimos aplausos, pois a contaxiosa emoción que foron quen de transmitir conseguiu que este acompañase, ledo, os retrousos en máis dunha ocasión.

A xornada rematou cun xantar de fraternidade no que houbo tempo para departir sobre Díaz Castro e outras cuestións. Perfecto cabo para un día de cultura e literatura galegas na nosa Casa en Madrid, territorio ao que tan vencellado estivo vitalmente o autor guitiricense, como tentei pór de relevo.

Vaian dende aquí os meus parabéns para todos os amentados, tamén para Rosa Figueroa e Ana Rodríguez Barrena, da Casa de Galicia, quen xunto cos amigos dirixintes das distintas sociedades agrupadas baixo a bandeira de FAGAMA lograron facer deste día unha auténtica festa da palabra e da Terra. Saudiña!

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.