EBA na Insua dos Poetas

Como cada ano, dende hai xa máis dun lustro, onte tivo lugar no singular marco da Insua dos Poetas na Esgueva, Madarnás, O Carballiño, a VI Festa da Palabra, que organiza, baixo a coordinación de Luís González Tosar e Xabier Castro Martínez, a Fundación que leva o nome do lugar.

Con grande asistencia de público tanto anónimo coma significado nos eidos culturais e artísticos, a Festa da Palabra entregou onte os seus Premios Setecarballas e, sobre todo, rendeu homenaxe á figura de Eduardo Blanco-Amor, á memoria do cal ía este ano dedicada a xuntanza e, con tal motivo, inaugurouse un espectacular grupo escultórico recordando a súa produción que asinou o artista Acisclo Manzano.

O evento conduciuno Castro Martínez, secretario da Fundación Insua dos Poetas, quen logo de dar comezo ao mesmo cedeu a palabra ao presidente desta, González Tosar, para que saudase os presentes, se congratulase da celebración e exhortase a todas as forzas vivas do país a se unir en prol da consecución dun futuro que superase as actuais dificultades pola vía da “concentración parcelaria” superadora do minifundismo cultural, avanzando, así mesmo, que a próxima convocatoria do evento estaría dedicada ao intelectual galego-porteño Francisco Luis Bernárdez.

Tomou logo a palabra Miguel Santalices, vicepresidente do Parlamento de Galicia, quen deu lectura á proposición, non de Lei, pola que todos os grupos parlamentarios aprobaron declarar na cámara este 2014 (no que se fan trinta e cinco anos do pasamento do escritor) Ano Blanco-Amor.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, foi o encargado de glosar a figura de Blanco-Amor, manifestando a súa especialísima devoción pola novela A esmorga.

Entre as alocucións máis emotivas da reunión atopouse a de Camilo Bóveda Amor, sobriño do escritor, quen agradeceu a homenaxe ao seu parente e manifestou o desexo de ver algún día como se facía realidade unha fundación que levase o seu nome e onde puidese estar depositado todo o importante legado que agora se custodia na Deputación Provincial de Ourense (a súa biblioteca, o seu arquivo, manuscritos e mecanoscritos das súas obras e certos efectos persoais).

Seguiu, logo, a entrega dos Premios Setecarballas que concede a Fundación Insua dos Poetas e que, nesta ocasión, recaeron nas seguintes persoas e entidades atendendo ás diferentes categorías: a Fundación Curros Enríquez de Celanova (Carballa das Letras), o artista plástico Nicolás González Aller (Carballa das Artes), a cooperativa EQUAL (Carballa da Natureza), a Asociación Terzo da Fala (Carballa da Cultura Galega na Emigración), a adega cooperativa do Ribeiro (Carballa do Compromiso Empresarial), a Asociación de Discapacitados Físicos do Carballiño (Carballa de Acción Social) e o xornal La Región (Carballa de Comunicación). Para recoller estes galardóns, foron subindo ao escenario, respectivamente: o exalcalde de Celanova e deputado, Antonio Mouriño; Nicolás González Aller; Amparo Vázquez, xerente de EQUAL; Gisela Barbeito, presidenta do Terzo da Fala; Manuel Montero, presidente da adega cooperativa do Ribeiro; Sara Cid Puga, presidenta da Asociación de Discapacitados Físicos do Carballiño; e Maribel Outeiriño, conselleira na dirección do periódico La Región.

Na recta final do acto os asistentes puideron gozar da actuación do grupo Xardín Desordenado, quen nas persoas dos excelentes músicos Santiago Ferragud e Isaac Garabatos e a prodixiosa voz de Marlene Rodrigues fixeron vibrar os presentes coa musicación de poemas de Blanco-Amor, Díaz Castro e Rosalía.

Como peche das intervencións, subiron ao escenario Jesús Vázquez Abad, Conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, e mais Manuel Baltar Blanco, Presidente da Deputación de Ourense, quen se sumaron aos parabéns pola organización do acto e manifestaron os seus desexos de que a Festa da Palabra proseguise con ben por moito tempo. Neste sentido, cómpre salientar o anuncio por parte de Baltar Blanco de que, o vindeiro mes de setembro, o organismo que preside dará os pasos necesarios para a constitución da Fundación Eduardo Blanco-Amor, respondendo así positivamente á petición dos familiares do escritor e de tantos amigos e admiradores da súa figura.

Tras o develamento, por parte das autoridades, da macroplaca que preside o conxunto escultórico que Acisclo Manzano deseñou para honrar a Blanco-Amor —unha impresionante instalación de sete pezas en corten de varios metros de altura onde se recollen, alegoricamente, as principais vertentes da escrita do ourensán: narrativa, teatro, poesía ou ensaio—, deuse cabo á Festa da Palabra cun xantar comunal. No transcurso deste, os coordinadores do acto agasallaron a todos coa entrega do valioso cartafol Eduardo Blanco-Amor na Insua dos Poetas, máis de medio cento de láminas con moi interesante material gráfico e textual sobre o autor. A carpa e as mesas dispostas para a comida propiciaron que, como nun renovado Banquete de Conxo, parroquianos e traballadores da contorna departisen con intelectuais e responsables públicos, concelebrando o feliz convivio no que brillou a memoria de Blanco-Amor e fulgurou a arte da verba na república independente da súa Insua.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a EBA na Insua dos Poetas

  1. Gisela Barbeito di:

    Graciñas Armando pola túa de xenerosidade ao trasmitir o que vivimos na fermosa Festa da Palabra. Inesquesible.

Os comentarios están pechados.