Alonso Montero, autor teatral

teatro alonso monteroChega ás miñas mans un divertimento tráxico-cómico da autoría de Xesús Alonso Montero titulado Un xuízo oral (“bilingüe”) nunha vila galega no outono de 1942. O texto, unha breve, moi breve peciña de teatro publicada na colección A Pinguela de Edicións Fervenza, naceu, segundo o seu propio autor explica no prólogo á plaquette, dunha alocución que tivo que pronunciar no Colexio de Avogados de Santiago de Compostela o pasado mes de decembro.

É sabido que Alonso Montero é, antes nada, un investigador e ensaísta, que só ocasionalmente ten asinado (co nome propio ou pseudónimo) textos de creación de carácter poético. Pois ben, aos anteriores hai que engadir agora esta peza que, no básico, presenta un xuízo oral en Ribadavia na inmediata Posguerra para exemplificar a realidade clasista e diglósica que tamén padecían os máis humildes por aquel tempo. A escusa, neste caso, vén da man dunha acusación por agresión que se lle apón a un humilde xornaleiro ao que pretende castigarse exemplarmente por ousar ‘despeitear’ un ‘señorito’. En fin, o conto de sempre, que aquí serve para pór de relevo unha serie de clixés discriminatorios nunha recreación filolóxico-xurídica que ten momentos moi benhumorados e que sorprende positivamente polo acaído manexo da formulística propia do mundo do Dereito e demostra que o seu autor di tan ben na lingua dos opresores como na dos oprimidos.

Non sei se Talía terá este Un xuízo oral (“bilingüe”) nunha vila galega no outono de 1942 entre os seus fillos máis preclaros. Sei, si, que o drama social de Alonso Montero amplía a súa polifacecia e pon o foco, máis unha vez, en realidades candentes que, moitas décadas despois, están aínda ben lonxe de ser superadas.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Teatro galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.