O Lueiro Rey de Novela Curta para Antonio Pichel Beleiro

Premio Manuel Lueiro ReyÁs sete da tarde de onte, a Biblioteca Municipal do Grove acolleu a xuntanza de deliberación do XXI Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, convocado polo concello do mesmo nome. Con tal motivo, o xurado do certame, acompañado do concelleiro de Documentación e Patrimonio Álex Agüín e mais da técnica Marina Agüín, quen actou como secretaria con voz pero sen voto, tivo que escolmar a obra gañadora de entre un conxunto de quince orixinais presentados a concurso.

O xurado —a escritora Ánxela Gracián (que non puido asistir á xuntanza e enviou os seus votos por correo), o ensaísta Manuel Quintáns Suárez (en calidade de presidente), o escritor Juan Tallón (gañador da anterior convocatoria), o crítico Francisco Martínez Bouzas e eu mesmo—, logo das pertinentes consideracións sobre os méritos dos orixinais e dun proceso de peneira que, en roldas sucesivas, escolmou tres títulos para as derradeiras valoracións, determinou nomear gañador, por maioría de votos, á narración Xente que nunca antes morrera, lema “Mazurca de Milloi para gaita e bombo”. Unha vez aberta a plica, a obra resultou ser da autoría do pontevedrés Antonio Pichel Beleiro, residente en Poio e de vinte e oito anos de idade, que verá así publicada a súa primeira novela e recibirá os tres mil euros do premio.

Premio Lueiro ReyXente que nunca antes morrera ofrece unha trama a medio camiño entre o policial, o thriller psicolóxico e o relato sociolóxico da desfeita do mundo rural. Unha investigadora estadounidense chega a unha pequena parroquia galega para tentar descubrir qué é o que pasou, realmente, cun concidadán seu que morreu nun accidente automobilístico rodeado de estrañas circunstancias. A partir dese momento, escenifícase un choque de mundos entre o urbanita que representa a investigadora estranxeira e o enxebrismo tradicionalista dos paisanos cos que ten cruzar, poñendo de relevo os moi diverxentes territorios mentais e actitudinais nos que se moven os personaxes.

Polo medio, a descrición do esmorecemento dunha parroquia prototípica do noso rural, os secretos de aldea que se agochan para tecer redes de violencia inusitadas que só ante circunstancias extremas afloran, as lacras deixadas pola droga ou o os amores e tensións sexuais entre uns personaxes que se fan cribles na vivacidade e realismo dos seus parlamentos e na forza da intriga na que as súas vidas se ven atrapadas.

Prometedora primeira novela de Antonio Pichel Beleiro que verá luz o vindeiro outono da man de Sotelo Blanco Edicións, selo que publica as obras gañadoras deste premio que, máis unha vez, descobre unha nova voz para as nosas letras e recupera así a súa continuidade tras ser declarado deserto o pasado ano.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a O Lueiro Rey de Novela Curta para Antonio Pichel Beleiro

  1. Manuel Quintáns Suárez di:

    Amigo Armando:
    Coma sempre a expresión da miña profunda admiración. Ata cando resistirás con tal capacidade de traballo?
    Presentación perfecta. Contas todo o que se pode contar e moi ben contado. Parabéns!
    Manolo

    • Amigo Manuel Quintáns: un auténtico pracer compartir angueiras críticas contigo como xurado deste premio. Aprendendo sempre do teu maxisterio. Unha forte e agradecida aperta.

Os comentarios están pechados.