Amores en fuga

metase mi prietaAbondarían títulos como os das novelas Tinísima (1992), El tren pasa primero (2005) ou La piel del cielo (2001) para facer da Premio Cervantes Elena Poniatowska unha escritora digna da máis alta das memorias da literatura dos nosos tempos. Mais acontece que esta parisiense de nacenza, polaca por vía paterna e mexicana por materna descendencia e por adopción vital é, amais, unha das mellores escritoras de relato en lingua castelá que poidan atoparse.

Convén lembrar isto a propósito da recente aparición no mercado editorial galego do conto Métase mi Prieta, entre el durmiente y el silbatazo, memorable historia que vira luz por vez primeira no libro De noche vienes (1979) e que agora recupera o selo coruñés Trifolium para a colección Litterae, no que aparece nunha moi coidada edición con fabulosa cuberta de Ánxela Pérez Meilán.

Ten Poniatowska unha agradecida relación cos nosos lares, pois non en van foi declarada pola AELG Escritora Galega Universal en maio do 2009 e, nese mesmo ano, apareceron traducidos á nosa lingua os contos de A filla do filósofo, aos que seguiron logo a novela curta Benquerido Diego, abrázate Quiela (2010), en versión de María Fe González Fernández, e mais o relato infantil Lilus Kikus (2012), trasladado por Teresa Moure, estes dous últimos, por certo, tamén da man de Trifolium.

Métase mi Prieta, entre el durmiente y el silbatazo é unha historia de perdas e da superación das mesmas, un relato protagonizado por Pancho Valverde, condutor de tren e sindicalista ferrocarrileiro quen ve como a súa vella locomotora de vapor, Prieta, acaba sendo substituída por unha nova máquina diesel por mor da implacable modernización tecnolóxica á que obrigan os tempos. Lonxe de se conformar coa nova situación, Pancho —que mantén unha especialísima relación coa súa Prieta, a quen aloumiña como se dunha auténtica segunda muller se tratase— rebélase contra este estado de cousas e decide ‘secuestrar’ o seu amor de ferro. Paralelamente, a súa compañeira Teresa, abandónao de xeito inesperado, co que o mundo de plácidas seguranzas no que vivía instalado Pancho acaba por se derrubar.

elena_poniatowskaMais Métase mi Prieta, entre el durmiente y el silbatazo é asemade unha alegación a favor dos afectos e as fidelidades e, aínda que transparenta unha escala de valores machista e un moito retrógrada, atrapa pola súa capacidade para empatizar cun personaxe que se resiste a deixarse vencer polos obstáculos da vida e que conserva un sentido da lealdade verdadeiramente admirable.

A profusión de mexicanismos que salpementan a narración de Poniatowska fan desta un xenuíno exemplo da súa incomparable prosa, na que o papel do mundo ferroviario ten unha moi destacada presenza, pois non é esta a única das súas creacións que xira arredor de tal realidade.

A sutileza nas descricións dalgunhas pasaxes amatorias contrasta aquí coa contundencia de certos diálogos, convertendo estas páxinas nun ir e vir pendular de rexistros e voces que alimentan un discurso no que a peripecia persoal do protagonista non esconde, antes o contrario, o retrato de fondo de toda unha cambiante e complexa sociedade.

Que Trifolium, esa ínsula de libre edición que habita Xan Arias, nos regale a oportunidade de achegarnos a este maxistral Métase mi Prieta, entre el durmiente y el silbatazo é todo un detalle que sería descortesía non aproveitar. A mellor Elena Poniatowska agárdanos nas súas planas, era ben atender o seu chamado.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 27-7-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Outras literaturas e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.