Ánxel Fole fai 111 anos

escultura foleHai hoxe, exactamente, 111 once anos —cifra capicúa onde as haxa— viña ao mundo en Lugo Ánxel Fole, quen había de ser, andando o tempo, un dos narradores galegos máis importantes do seu século. Aquel rapaz que vía a luz primeira nun antigo casarón da Praza do Campo Castelo (onde agora, e dende hai xa anos, o concello dispuxo unha estatua na súa memoria) foi unha das voces principais da recuperación literaria galega na Posguerra.

Cando aínda a Rede era apenas un asomo do que vivimos, alá polo xa afastado 1997, escribín para o tamén histórico Vieiros un artigo divulgativo (“Ánxel Fole: un narrador diferente”) que hoxe, con mínimas correccións, me presta recuperar a modo de puntual homenaxe a un escritor ao que sempre cómpre volver. Que sexan parabéns, don Ánxel, nese Ceo bravo onde ha de andar parolando e escribindo á lus do candil.

pauto_do_demoÁnxel Fole Sanchez (Lugo, 1903-1986) é un dos nosos escritores máis importantes do século XX. Autor bilingüe en galego e castelán, cultivou ao longo da súa vida todos os xéneros literarios: narrativa, poesía, teatro e mesmo ensaio xornalístico. Mais o eido creativo no que obtén un maior recoñecemento é sen dúbida o da súa obra contística, encerrada, fundamentalmente, en catro libros de relatos: Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981).

Entre toda esta produción narrativa sobrancean os catorce relatos reunidos en Á lus do candil, así como tamén o cativador prólogo ficcionalizado que, baixo o título de “Terra do Caurel”, dispuxo Fole como limiar do libro. Neste último texto danse as claves interpretativas para comprender o marco narrativo no que teñen lugar as historias do libro: un grupo de cazadores queda illado, por mor da neve, nunha vella torre do século XIV; fronte á imposibilidade de desenvolver as súas afeccións cinexéticas, deciden “matar o tempo” contando, alternativamente e por rolda, historias vividas por eles ou sucesos dos que foron sabedores. O conxunto deses relatorios é despois transcrito polo autor, que en forma de conto recolle para nós o alí narrado polos diferentes cazadores.

contos_da_neboaOra ben, “Terra do Caurel” vai máis alá da simple xustificación narrativa, pois constitúe, en por si, todo un asistemático e espontáneo tratado etnográfico das terras do sur de Lugo e, metonimicamente, de toda Galicia. Nada escapa ao interese de Fole, que trata aquí sobre as peculiaridades paisaxísticas, botánicas, zoolóxicas, antropolóxicas, sociolóxicas, climatolóxicas, xeolóxicas e lingüísticas daqueles lugares, debuxando con fina prosa un acabado retablo costumista da intrahistoria cotiá das súas xentes.

Evidentemente, Ánxel Fole non foi única e exclusivamente un autor sensibilizado coa nosa realidade material, máis ou menos folclórica, senón que tamén mereceu a súa atención a realidade inmaterial do mundo do parapsicolóxico ou metapsíquico. Porén, foi indubidablemente un grande paisaxista, pintor con trazo firme do existir máis arredío e ríspeto duns homes e mulleres que, nos duros tempos da Posguerra, (sobre)viviron humilde pero dignamente mantendo viva toda unha cultura material e espiritual sen a cal non sería posible entender a nosa historia como comunidade diferenciada no conxunto das nacións peninsulares en particular e europeas en xeral.

selo_folePrecisamente por estas razóns, “Terra do Caurel” é un inestimable etnotexto literario, pois a paisaxe e a paisanaxe que habitan nestas poucas páxinas ofrécennos a mellor radiografía dun singular xeito de ser no mundo: o galego, o do noso labrego e o seu contorno vital. “Terra do Caurel”: cartografía foleana do mapamundi cultural galaico.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.