O día que Penélope falou ruso

Tradutores e prologuista da edición rusa de 'Nimbos' en San PetersburgoQuero hoxe dar conta dunha iniciativa que confirma o crecente interese polas nosas letras en terras abondo distantes e por culturas de acollida ben diversas.

Hимбъі é o título co que un equipo de tradutores do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo traduciu ao ruso os Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor do que se cumpre o primeiro centenario e ao que consagramos o ano en curso e o pasado Día das Letras Galegas.

Andrey Rodosskiy, Víctor Andreev, Daria Sinitsina, Vladimir Litus, María Tolstaya, Yuriy Shashkov e mais Elena Zernova (esta última coordinadora do volume e verdadeira alma mater da iniciativa) conseguiron que os versos de “Penélope”, “A cerna” ou “No resplendor Cuberta da edición rusa de 'Nimbosdo día”, entre outros, cobrasen vida na fala cirílica. Que, amais, vexan a luz nunha primorosa edición bilingüe, moi coidada no material, é outro mérito do amentado Centro de Estudos Galegos, que con este título chega xa ao décimo noveno volume dedicado á nosa escrita dende 1995 ata a actualidade.

Convén salientar o mérito desta tradución, que trasladou as composicións do poeta guitiricense conservando a rima, a métrica o ritmo e a estrutura das mesmas, labor arduo onde os haxa cando do que se trata é de transvasar entre idiomas tan arredados.

Este Nimbos ruso achega, aínda, un outro contido de interese: o documentado prólogo que o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, asinou para a obra, texto que foi traducido e publicado unicamente en ruso, mais que na súa versión orixinal galega (pola que este comentarista o leu) levaba por título “Da vida e da obra de Xosé María Díaz Castro (1914-1990)”. Un ensaio, cómpre subliñalo, no que o experimentado profesor traza un moi completo perfil biográfico do escritor, ao que engade na parte final unha plausible caracterización da poética de Nimbos e da relevancia deste no panorama literario galego da segunda metade do XX. Moi recomendable lectura a destas páxinas de Alonso Montero, pois non me cabe dúbida ningunha de que o público ruso ao que van dirixidas agradecerá, grandemente, a aquilatada semblanza que propoñen e poderá, así, facerse unha idea ben precisa do valor da produción diazcastriana.

elena zernovaComo curiosidade, debo sinalar que esta edición de Nimbos —que tomou como texto de partida en galego a edición testamentaria do poemario publicada en 1989 e coordinada por Luís González Tosar— incorpora como apéndice final un apartado baixo o rótulo “Outros poemas” nos que se reproducen dúas composicións non incluídas en Nimbos; trátase de “O vento entre as canas” e mais “Revelación”, aquí tomadas da versión que recolleu a revista Dorna en xaneiro de 1991 como homenaxe ao autor tras o seu pasamento en outubro do ano anterior, aínda que ambas contaban con redaccións anteriores, algunha delas tamén publicada.

Faltaría á verdade se dixese que é doado facerse cun exemplar destes Hимбъі, mais entendo que é tamén labor do crítico dar noticia de tan interesantes publicacións que, en todo caso, é de supor que poderían conseguirse dirixíndose aos organismos pertinentes. Velaí queda o convite para os devotos diazcastrianos, para os rusófilos de pro e para o lectorado curioso en xeral.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 3-8-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega, Tradución e etiquetada , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.