Dándoo todo

Lamas 3Hemos venido a darlo todo, de Wences Lamas, é calquera cousa menos un libro convencional. Para empezar é un volumen seriado e impreso, pero figura manuscrito e cada exemplar inclúe alguna páxina diferenciada e autógrafa do propio autor que o distingue e singulariza respecto dos restantes da tiraxe.

Logo, esta moi orixinal creatura de Lamas incorpora tanto debuxos coma fotografías, cómics e collages nunha sucesión aleatoria que resulta un desafío lector por canto un nada sabe do que vai atopar ao virar da páxina.

Lamas 2Os relatos (por veces microhistorias, outras pequenos contos, mesmo en ocasións sketchs e aínda puros slogans) incorporan multitude de motivos sen aparente conexión, mais se un le con atención descubrirá pronto que paira sobre moitos deles un pouso de desolación ácida, de crítica irreverente coa sociedade acomodada e os usos e convencións que é verdadeiramente debeladora en moitas das súas planas.

Non só o incómodo ou o insultante, senón mesmo o desagradable e incluso noxento cruza estas historias nas que un pode atopar dende vaxinas sangrantes ata seres coa cabeza fendida, dende invasións purulantes ata cosmos de deformidades físicas e aínda mentais, un auténtico monstruario que resulta dun megatremendismo gore decididamente incisivo.

Esta achega non é de reconfortante lectura. Non o é nin polo ton das súas historias (excesivas, despropositadas, surrealmente irónicas), nin tampouco polo corrosivo da crítica ao establishment que revela. Algúns dos amigos que intercalan pezas comentando a obra de Lamas polo propio libro adiante aluden a isto precisamente, porque alén da faiscante novidade de moitas das ilustracións, debuxos e composicións fotográficas, máis alá do desusado dos argumentos, do deliciosamente imposible das situacións descritas e do palpitante territorio simbólico e alegórico que trazan, hai que recoñecer que o autor non ofrecen a súa obra, cóspea aos ollos, vomítaa para que sexamos conscientes do sumidoiro no que nos enzoufamos e dá por feito calquera reacción menos o conformismo mortal: el veu a dálo todo, así de simple e definitivo.

LamasQuen poida facerse cun exemplar deste Hemos venido a darlo todo tan ben editado por Ofegabous Editorial (libro de artista con cuberta en tea e estampacións en ouro) descubrirá un Wences Lamas superlativo, desmedido e visionario que manca como aquel ollo buñuelano cortado a bisturí, pero proporciona unha experiencia lectora de intensidade inusitada que impactará a quen se atreva.

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Crítica literaria, Literatura en lingua castelá e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.