Xardín de intrigas

Entrada ao xardín do saberHenrique Dacosta é narrador experimentado con case un cuarto de século de traxectoria no seu ronsel. Autor de relatos e novelas, tamén responsable dun valioso manual de historiografía literaria, o seu camiño tense caracterizado pola diversidade nos asuntos tratados e pola procura incesante dunha voz propia.

O escritor ferrolán regresa á actualidade literaria galega con Entrada ao xardín do saber, novela longa que ve luz baixo o selo Redelibros e nos propón unha elaborada intriga onde o real e o ficcional se mesturan para lograr un relato de acción e airexas detectivescas.

Hildegart, precocísima líder socialista e abandeirada da revolución política e sexual da España republicana; súa nai, a autoritaria e iluminada Aurora Rodríguez Carballeira, tamén ela personaxe destacado da escena intelectual do seu tempo, e mais o mesmísimo Vicente Risco son os tres vértices dun triángulo narrativo que protagoniza unha historia na que deberá profundar, para desvelar os seus segredos, un periodista de hoxe, Henrique de Sas.

A imaxinaria revista Letras Vivas propón a De Sas que investigue para a realización dun artigo conmemorativo centrado na fascinante Hildegart (quen no seu propio nome explica o título da novela, pois hilde, en alemán, significa sabedoría ou coñecemento e gart xardín), enfant terrible da escena política da Preguerra que, con só dezanove anos, veu truncada unha ascendente carreira a mans de súa nai, filicida que non aturou a crecente independencia que a filla ía gañando e a maior notoriedade que alcanzou, desprazándoa a ela do centro de atención social do seu tempo. Polo medio, un Risco aínda novo que coñece de primeira man a ambas as dúas e mesmo trata estreitamente a Rodríguez Carballeira nos seus anos como estudante en Madrid.

A novela alterna dous eixes cronolóxicos: o da capital do Estado a mediados dos anos 50 (momento no que morre, recluída nun psiquiátrico, Rodríguez Carballeira) e o presente dende o que Henrique de Sas investiga e segue as pistas da vida dos tres personaxes e, nese seu profundar, se entrevista con persoeiros tan significados do galeguismo recente como Francisco Fernández del Riego, entre outros.

Henrique DacostaO mellor de Entrada ao xardín do saber está na capacidade para xerar un misterio arredor dese triángulo de personaxes imantadores, protagonistas principais dun tempo histórico singular. Tamén si, a súa capacidade para entrefebrar o real e o ficticio e crear, deste xeito, un relato no que, aqueles que saiban o suficiente do noso pasado máis próximo, gozarán regresando a episodios e momentos claves deste. Que logo se abuse das exposicións informativas sobre circunstancias e pormenores da intrahistoria literaria de noso, que se reiteren pasaxes explicativas da propia peripecia fatal que rodeou as Rodríguez Carballeira ou haxa paxinado sobrante na resolución de certos aspectos que poderían terse substanciado con ben sen tanta profusión de misivas, diálogos e treitos de prosa expositiva non evita que esta novela de Dacosta resulte de interesante lectura para todos os que vaian na procura dun thriller distinto, moi documentado e de referente galego manifesto.

Entrada ao xardín do saber, nova proposta de Henrique Dacosta, pode ser a perfecta escusa para deixarse atrapar por unha historia que volve traer á actualidade personaxes tan atractivos como os de Hildegart, Aurora Rodríguez Carballeira e Vicente Risco, testemuñas dunha época decisiva, chea de relacións intensas que, como se bota a ver, sempre paga a pena revisitar.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 24-8-2014]

 

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.